O realme 16 chegou á gama media cunha proposta na que a autonomía ten un papel protagonista, grazas a unha batería de 6.500 mAh que se combina cunha pantalla OLED de 120 Hz e un procesador Dimensity 6400 Turbo. Sobre o papel, trátase dun equipamento equilibrado, cunha cámara principal de 50 MP e unha frontal que eleva a resolución até os 50 MP.
Despois de probar o realme 16 durante varias semanas, podemos dicir que estamos ante un teléfono que cumpre co que promete, sen grandes excesos. O seu deseño compacto, a autonomía e a pantalla son algúns dos seus principais argumentos, mentres que o rendemento aposta por ofrecer unha experiencia estable máis que por competir en potencia bruta.
Deseño e acabados
Un dos aspectos que máis chama a atención do realme 16 é o seu tamaño relativamente compacto e o seu peso de 181 gramos. Non estamos ante un teléfono excesivamente pesado, algo especialmente interesante tendo en conta que incorpora unha batería de 6.500 mAh. Na man resulta cómodo de utilizar e transmite unha sensación de dispositivo ben equilibrado.
O deseño aposta por liñas rectas e unha estética sobria e profesional, sen excesos. Na parte traseira destaca especialmente o módulo das cámaras, cunha especie de illa que lembra á empregada por Google nos seus Pixel. Dentro deste módulo tamén chama a atención un pequeno detalle no flash en forma de aro, que incorpora un acabado interior tipo espello.

Os botóns físicos sitúanse no lateral dereito, nunha posición accesible e fácil de identificar. O lector de pegadas está integrado baixo a pantalla e, como é habitual neste tipo de solucións, permite desbloquear o dispositivo de maneira rápida.
Outro punto positivo é que realme inclúe unha funda na caixa, polo que podemos comezar a utilizar o teléfono protexido desde o primeiro momento.
Hardware e rendemento
O realme 16 incorpora un MediaTek Dimensity 6400 Turbo, acompañado de 8 GB de memoria RAM LPDDR4X e 256 GB de almacenamento.
Non é un teléfono que busque competir cos modelos máis potentes do mercado nin pretende ofrecer un rendemento orientado especialmente ao gaming máis esixente. A súa proposta é máis sinxela, e pasa por ofrecer unha experiencia fluída e suficiente para o uso diario.
E nese escenario cumpre perfectamente. Aplicacións, redes sociais, navegación web, multimedia ou multitarefa móvense con solvencia. Ademais, un aspecto que resulta positivo durante o uso é o control da temperatura, xa que o teléfono consegue manterse bastante estable sen que a calor se converta nun problema destacado.
En definitiva, é un apartado no que convén ter expectativas acordes coa súa categoría: non estamos ante un móbil pensado para buscar récords de potencia, pero si ante un dispositivo que ofrece o necesario para o día a día.
Pantalla
O realme 16 conta cun panel FOLED de 6,57 polgadas, resolución FullHD+ de 2472 × 1080 píxeles e unha taxa de refresco de 120 Hz. A pantalla ofrece unha experiencia especialmente fluida grazas a esa frecuencia de actualización, algo que se aprecia tanto ao desprazarnos polas redes sociais como ao navegar polos diferentes menús do sistema.

En canto ao brillo, o panel alcanza 1.000 nits de brillo manual, pode chegar até os 1.400 nits en condicións determinadas e declara picos de até 4.200 nits en situacións de iluminación intensa. Isto permite contar con maior visibilidade cando utilizamos o teléfono no exterior ou baixo condicións de luz máis esixentes.
Tamén admite Always On Display, polo que podemos manter na pantalla información como a hora sen necesidade de desbloquear o teléfono, se ben é algo que afecta á autonomía
Cámara
No apartado fotográfico, o realme 16 incorpora unha cámara principal de 50 megapíxeles con apertura f/1.8, acompañada por un sensor monocromo de 2 megapíxeles. Na parte frontal atopamos unha cámara de 50 megapíxeles f/2.4, unha resolución pouco habitual nesta gama.
Na práctica, o conxunto ofrece resultados solventes para a súa categoría, especialmente cando contamos con boas condicións de iluminación.
A aplicación de cámara resulta sinxela de utilizar e permite acceder rapidamente aos diferentes modos. Entre as funcións dispoñibles atópase tamén un modo de paisaxe baseado en intelixencia artificial, que busca mellorar as escenas deste tipo mediante procesamento da imaxe. É unha función que pode resultar interesante para quen adoita fotografar natureza, paisaxes ou espazos abertos e quere obter fotografías máis vistosas directamente desde o teléfono.
O segundo sensor traseiro de 2 MP ten un papel moito máis secundario, polo que o peso da experiencia fotográfica recae fundamentalmente na cámara principal.
Software
O realme 16 chega con realme UI 7.0 baseada en Android 16, unha capa de personalización que ofrece bastantes posibilidades para adaptar o aspecto do teléfono aos gustos de cada usuaria.
É precisamente neste punto onde realme pode convencer especialmente a quelas persoas ás que lles gusta personalizar o teléfono, xa que permite modificar diferentes elementos da interface, incluíndo aspectos como os iconas e outros detalles visuais.
A experiencia xeral resulta fluida e coherente co hardware do dispositivo. Máis alá das posibilidades de personalización, realme aposta por manter unha interface con suficientes opcións para quen queira facer que o seu teléfono teña un aspecto máis propio.
Batería
Se hai un apartado no que o realme 16 destaca claramente é na autonomía. Os seus 6.500 mAh permiten superar os dous días de uso con relativa facilidade nun escenario de utilización normal. É unha das súas principais fortalezas e converte o teléfono nunha opción especialmente interesante para aquelas persoas que priorizan non ter que estar pendentes do cargador constantemente.
A carga rápida é de 45 W, unha cifra que non está entre as máis elevadas do mercado, pero que resulta suficiente para recuperar unha boa parte da batería nun tempo razoable. Na nosa proba, realizar unha carga completa desde cero levou aproximadamente unha hora e media.
Non é, polo tanto, o teléfono máis rápido cargando, pero a combinación de 6.500 mAh e unha carga de 45 W funciona ben: temos unha batería grande e, ao mesmo tempo, unha velocidade suficiente para non converter a recarga nun proceso excesivamente longo.
Conclusión
O realme 16 é un teléfono que non pretende ser máis do que é, e probablemente aí reside unha das súas principais virtudes. Non busca destacar pola potencia extrema nin por incorporar funcións revolucionarias, senón ofrecer un conxunto equilibrado dentro da gama media.
O seu deseño compacto e cómodo, a pantalla de 120 Hz, o bo control das temperaturas, as posibilidades de personalización de realme UI e, especialmente, unha batería capaz de superar os dous días de uso forman un paquete convincente. As cámaras tamén ofrecen un resultado solvente e engaden algunhas funcións baseadas en IA que poden resultar interesantes.
Por un prezo duns 330 euros, o realme 16 ofrece unha experiencia equilibrada e pon o foco naquilo que moitas usuarias buscan nun móbil de gama media, especialmente unha boa autonomía e unha experiencia de uso fluida.
