Tras a integración de MasOrange no Grupo Orange, a compañía inicia unha nova etapa baixo unha marca corporativa única, Orange España. O cambio, anunciado esta mañá, supón o remate dun longo proceso de crecemento e fusións no sector das telecomunicacións español, e trae consigo unha comunicación máis clara e recoñecible, aínda que sen alterar as marcas comerciais nin a experiencia das usuarias.
Segundo explica a propia compañía nun comunicado, a adopción da marca Orange España non implica cambios nas marcas comerciais que as usuarias xa coñecen, senón que responde a unha evolución natural do proxecto que reflicte o seu liderado no mercado español. O obxectivo é simplificar a identidade corporativa e reforzar a visibilidade da marca principal do grupo, ao tempo que se fortalece a súa capacidade para seguir impulsando a transformación dixital do país a través da investigación e a innovación.
Nesta nova etapa, Orange España asegura reafirmar o seu compromiso con usuarias, empregadas, empresas, administracións públicas e a sociedade española en xeral, así como co desenvolvemento de infraestruturas de última xeración e solucións vinculadas á intelixencia artificial, o 5G, a ciberseguridade, a nube ou os servizos dixitais avanzados.
Case tres décadas de historia, tecida con diferentes marcas
Un dos aspectos máis destacados desta nova etapa é a propia historia que hai detrás da marca. Orange España representa a culminación dun proceso de crecemento e integración único no sector español das telecomunicacións, construído a partir da achega de compañías nacidas no propio territorio, entre as que a nota de prensa cita a Amena, eresMás, Jazztel, Yoigo, MásMóvil, Pepephone, Simyo, Euskaltel, R, Telecable ou Embou.
R, o operador galego de telecomunicacións que naceu ligado ao despregamento da súa propia rede de fibra óptica no territorio galego e que, co paso dos anos, foi integrándose en sucesivas operacións corporativas ata formar parte, primeiro, de MasOrange e, agora, do grupo que pasa a chamarse Orange España. A presenza de R nesta orixe pon de manifesto como parte do ADN do que hoxe é un dos maiores operadores de Europa ten raíces directamente vinculadas a Galiza, onde a marca chegou a ser un referente local na oferta de internet, telefonía e televisión.

Con case 20 anos de historia e presenza en 26 países, Orange sitúase entre as marcas de telecomunicacións máis recoñecidas e valiosas do mundo. Segundo os datos de Brand Finance 2026 recollidos na propia nota, a marca Orange está valorada en 18.900 millóns de dólares, un 6% máis que no ano anterior, o que a sitúa na oitava posición mundial entre as marcas do sector. En España, ademais, é a marca con maior forza e recoñecemento dentro do portfolio do grupo, cun claro posicionamento premium.
Con esta nova identidade única, a compañía busca tamén gañar visibilidade en buscadores, redes sociais e sistemas de intelixencia artificial, converténdose nunha canle de acceso á información cada vez máis relevante nun contorno dixital en constante transformación.
