A suite ofimática europea Euro-Office, presentada como alternativa a Microsoft Office, está a piques de dar un paso decisivo no seu desenvolvemento. Nextcloud confirmou que moi en breve contará cunha aplicación de escritorio propia, dispoñible para Windows, Linux e macOS. A novidade chegará no marco do despregamento de Nextcloud Hub 26 Summer e resolve unha das principais carencias que arrastraba o proxecto desde o seu nacemento, a comezos deste ano.
Ata o de agora, traballar con Euro-Office implicaba facelo necesariamente desde o navegador ou a través de Nextcloud Office, a integración que combina a suite con Collabora para editar documentos aloxados nun servidor propio. A nova aplicación nativa cambiará esa dinámica, permitindo abrir e editar ficheiros directamente desde o ordenador, sen depender dunha pestana aberta no navegador.
Segundo Nextcloud, esta versión de escritorio chegará nas próximas semanas, de xeito independente ao resto de novidades do Hub 26 Summer, que xa está dispoñible desde hai días.
Que é Euro-Office e por que importa
Euro-Office é unha suite ofimática de código aberto impulsada por unha coalición de empresas e organizacións europeas, entre as que figuran a propia Nextcloud, Ionos, Open-Xchange e Office.eu. O proxecto naceu coa intención de ofrecer unha alternativa real a Microsoft Office que reduza a dependencia de proveedores de software alleos a Europa, converténdose a soberanía dixital no seu principal argumento de venda fronte á competencia.
Desde a súa chegada, Nextcloud foi integrando a suite dentro de Nextcloud Office xunto a Collabora, o que xa permitía editar documentos gardados nun servidor propio sen instalar nada no equipo. A aplicación de escritorio busca agora achegar Euro-Office á experiencia tradicional de traballo local á que están afeitas as usuarias de Office, mantendo en todo momento a conexión coa instancia de Nextcloud de cada usuaria. Para a compañía, poder traballar en local sen perder ese vínculo co servidor é unha peza clave do seu discurso sobre independencia tecnolóxica.
Compatible con arquitecturas tradicionais e con ARM
A nova aplicación estará dispoñible para Windows e Linux, tanto en arquitectura AMD64 coma ARM64, así como para macOS de 64 bits. Cubrir ambas as arquitecturas significa que funcionará igual en equipos con procesadores tradicionais que nos modelos máis recentes baseados en ARM, cada vez máis habituais nos portátiles actuais. Nextcloud xa amosou un primeiro boceto da interface, aínda que o lanzamento definitivo chegará por separado, semanas despois de que o Hub 26 Summer estea completamente dispoñible.
Esa mesma versión do Hub introduce ademais melloras de rendemento no filtrado de documentos e na xeración de miniaturas dentro de Office, o que se traduce en atopar e abrir ficheiros de forma máis áxil. Estes cambios notaranse especialmente en contornos con grandes bibliotecas de documentos, algo habitual en ámbitos corporativos ou educativos que xa empregan Nextcloud como plataforma de almacenamento.
Do fork de OnlyOffice ás críticas de LibreOffice
O camiño de Euro-Office non foi sinxelo desde o principio. A suite naceu como unha bifurcación (fork) de OnlyOffice, o que provocou unha disputa pública sobre licenzas e uso de marca entre ambos os proxectos e xerou dúbidas iniciais sobre a orixinalidade do proxecto europeo. Aínda así, a coalición seguiu adiante co seu desenvolvemento sen freala.
Tampouco se librou de críticas dentro do propio mundo do software libre. The Document Foundation, organización responsable de LibreOffice, cuestionou o discurso de soberanía europea de Euro-Office ao sinalar que a suite depende dos formatos OOXML de Microsoft en lugar de adoptar ODF como formato por defecto, algo que considera contraditorio co mensaxe de independencia que defende o proxecto. Malia esas obxeccións, Euro-Office segue avanzando dentro do ecosistema europeo de software, sumando novas incorporacións á coalición orixinal.
Tuta súmase ao proxecto
A compañía de correo cifrado Tuta, coñecida principalmente polo seu servizo de correo electrónico cifrado de extremo a extremo, incorporouse recentemente á iniciativa, achegando código ao proxecto e ampliando a lista de organizacións europeas implicadas no seu desenvolvemento. Trátase dunha incorporación que reforza o perfil de Euro-Office como alternativa centrada na privacidade, máis alá das discusións técnicas sobre formatos de ficheiro.
Coa aplicación de escritorio xa case lista, Euro-Office achégase un pouco máis a competir con Microsoft Office precisamente no terreo onde este segue sendo máis forte: o traballo diario sen depender dunha conexión constante a internet. Nextcloud aínda non concretou unha data exacta máis alá de “próximas semanas”, polo que haberá que estar atentos aos vindeiros anuncios da compañía, dispoñibles tamén a través da páxina do proxecto en GitHub.
