Dreame, a marca que foi introducíndose no mercado cos seus robots aspiradores e outros dispositivos para o fogar, decide ampliar horizontes e entra de cheo no mundo das cámaras persoais coa presentación da Leaptic Cube.
O novo dispositivo foi amosado durante a IFA de 2026 a comezos de mes, e aposta por un formato ultracompacto, funcións avanzadas de intelixencia artificial e gravación de vídeo en alta resolución, poñendo o foco directamente na DJI Osmo Nano como principal rival no segmento.
Un tamaño mínimo pensado para levar sempre encima
Un dos aspectos que máis chama a atención da Leaptic Cube é o seu peso, de apenas 55,9 gramos. Esa lixeireza responde a un obxectivo claro por parte de Dreame, que quere que a cámara poida acompañar ás usuarias practicamente a calquera parte, especialmente a creadoras de contido centradas en viaxes, deporte ao aire libre ou vídeos do día a día, onde levar encima un equipo incómodo adoita ser un problema.
A gran diferenza fronte á proposta de DJI está na resolución de vídeo. A Leaptic Cube é capaz de gravar en 8K a 30 fps, ademais de ofrecer 4K a 60 fps con HDR e cámara lenta en 4K a 120 fps. A Osmo Nano, pola súa banda, queda nun máximo de 4K a 60 fps, coa mesma cámara lenta en 4K e 120 fps. Aínda que unha maior resolución non garante por si soa mellores vídeos, si que ofrece máis marxe á hora de recortar gravacións ou xerar diferentes encadres a partir dunha mesma toma.
50 megapíxeles de foto e un gran angular de 155 graos
A fotografía tamén ocupa un lugar destacado nesta nova proposta de Dreame. A Leaptic Cube permite capturar imaxes de ata 50 megapíxeles, unha resolución que resulta especialmente útil para facer recortes ou primeiros planos sen perder detalle.
A isto súmase un obxectivo ultra gran angular de 155 graos, que permite abarcar unha zona máis ampla en cada fotografía. En comparación, a DJI Osmo Nano ofrece un campo de visión de 143 graos, lixeiramente inferior. En ambos os casos falamos de cámaras deseñadas para lograr perspectivas difíciles de conseguir cun smartphone convencional, aínda que a proposta de Dreame vai un pouco máis lonxe tanto en resolución coma en amplitude de encadre.

IA para simplificar a gravación e resistencia á auga
Dreame non quere que a Leaptic Cube sexa simplemente unha cámara pequena con boas especificacións técnicas. Por iso incorporou varias funcións de intelixencia artificial pensadas para facilitar o proceso de gravación, entre as que destacan o recoñecemento intelixente de escenas (AI SceneRecognition), o seguimento automático de suxeitos (AI Tracking), un modo de audio intelixente (AI Audio Mode) e a mellora de retratos mediante IA.
A isto súmase o asistente de voz “Hi, Moko”, que permite controlar algunhas funcións sen necesidade de usar as mans, así como a estabilización GyroSteady AI, orientada a manter as imaxes fluídas mesmo gravando en movemento. Pola súa parte, DJI conta coa súa propia estabilización electrónica RockSteady 3.0, ademais de funcións como HorizonBalancing e un sistema de control remoto a través do seu accesorio Vision Dock.
Pensando en actividades acuáticas, a Leaptic Cube ofrece resistencia á auga de até 10 metros de profundidade, xunto cunha autonomía de até 110 minutos, ampliable ata os 210 minutos empregando o accesorio MagneticBattery Cube. Como comparación, a Osmo Nano tamén pode mergullarse ata 10 metros e acada ata 90 minutos de funcionamento por si soa, ou ata 200 minutos combinada co seu propio Vision Dock.
Prezo e dispoñibilidade
A Dreame Leaptic Cube chegará ao mercado a mediados de outubro de 2026, cun prezo de partida de 429 euros. Coa súa combinación de tamaño reducido, alta resolución de vídeo e funcións de IA, a nova cámara de Dreame preséntase como unha alternativa seria a ter en conta dentro do cada vez máis competido segmento das minicámaras portátiles.
