Starlink consegue vía libre da FCC para ofrecer roaming móbil internacional

Starlink dá un novo e significativo paso na súa estratexia para converterse nun operador móbil global. Mentres a compañía de Elon Musk segue centrada no despregamento dos novos satélites Starlink V3, que aspiran a converterse no novo estándar da súa rede, acaba de conseguir a autorización necesaria para ofrecer servizos de itinerancia (roaming) a nivel internacional.

A Comisión Federal de Comunicacións dos Estados Unidos (FCC) aprobou a petición de Starlink para transportar as comunicacións de Starlink Mobile entre EE.UU. e outros países. Trátase dun requisito clave que a compañía necesitaba cumprir para poder competir en condicións de igualdade cos grandes operadores globais do sector.

Ata agora, aínda que Starlink xa contaba con satélites operativos, a firma dependía necesariamente de operadores móbiles locais para poder levar a súa conexión a Internet a outros países. Sen esta autorización, non lle era posible ofrecer o servizo de forma directa a nivel internacional, senón que tiña que apoiarse sempre nun segundo operador que fixese de intermediario na conexión.

A aprobación da FCC permítelle operar de xeito independente, ademais de poder revender os seus servizos a outros operadores en mercados internacionais, o que lle abre unha nova vía de ingresos á compañía.

Fin da dependencia doutras compañías

Starlink Mobile é o servizo que permite conectar un smartphone directamente aos satélites de SpaceX, sen necesidade de dispoñer dunha antena especial para establecer esa conexión. Nos Estados Unidos, as usuarias xa poden empregar esta función, pero sempre a través do acordo asinado con AT&T, un esquema que se repite noutros países onde o servizo xa está dispoñible.

Coa nova concesión regulatoria, Starlink deixa de estar obrigado a depender de futuras alianzas con operadoras locais en cada territorio, e pasa a poder operar de forma libre e directa.

Ademais, no documento publicado pola FCC figuran numerosos países, cubrindo practicamente a totalidade do territorio mundial. O Estado español atópase entre eses mercados nos que Starlink podería, en teoría, despregar Starlink Mobile de xeito independente, aínda que o máis probable é que a compañía siga apoiándose en operadoras locais, tal e como xa fai actualmente a través de MasOrange.

Iso si, esta aprobación non implica que o servizo vaia chegar de forma inmediata ao noso país. O que realmente supón é a eliminación da barreira regulatoria estadounidense que ata agora impedía internacionalizar o roaming de Starlink Mobile.

En calquera caso, e a pesar deste importante avance regulatorio, á compañía de Elon Musk aínda lle queda un longo traxecto por diante ata que se pechen os acordos comerciais concretos país por país. Será precisamente ese o paso definitivo que permita que Starlink chegue de forma directa aos smartphones das usuarias en mercados como o español.

Sobre o autor

Reply