MediaTek presentou o Dimensity CX C10 Max, o procesador para unha nova xeración de portátiles centrados na IA

MediaTek deu a coñecer o Dimensity CX C10 Max, o primeiro procesador da súa nova familia Dimensity Compute Experiences (CX), pensada especificamente para o segmento dos ordenadores portátiles. Presentado como o buque insignia desta liña, o chip combina alto rendemento, funcionalidades avanzadas e unha eficiencia enerxética destacada, e chegará como corazón dun futuro dispositivo premium e ultraportátil de Googlebook.

Arquitectura de 3 nanómetros e deseño “All Big Core”

O Dimensity CX C10 Max está fabricado co avanzado proceso de 3 nanómetros de TSMC e aposta por un deseño All Big Core, cunha CPU de oito núcleos, unha GPU de 11 núcleos e unha NPU de oitava xeración desenvolvida pola propia MediaTek. O conxunto conforma unha plataforma pensada para ofrecer un rendemento sobresaliente tanto en multitarefa coma en produtividade, entretemento ou asistencia intelixente.

Segundo MediaTek, a eficiencia enerxética desta arquitectura permitirá aos fabricantes deseñar equipos máis finos, lixeiros e sen ventilador, mantendo unha autonomía de batería para toda a xornada.

Unha NPU pensada para impulsar Gemini Intelligence

Un dos elementos centrais do novo chip é a súa NPU 890, capaz de acadar ata 55 TOPS de rendemento. Segundo a compañía, esta capacidade axudará a que os futuros dispositivos Googlebook ofrezan unha experiencia por diante do resto da industria.

A NPU 890 está deseñada especificamente para impulsar as funcións de Gemini Intelligence, o que se traduciría en respostas máis rápidas e en beneficios adicionais en materia de privacidade, ao poder procesar máis tarefas de intelixencia artificial directamente no dispositivo.

O chip incorpora tamén o procesador de sinal de imaxe (ISP) Imagiq 1090 de MediaTek, que promete unha calidade de cámara de nivel profesional. Con soporte para sensores de ata 32 MP, este ISP con intelixencia artificial permite captura de vídeo HDR de alta calidade, zoom suave, gravación de estilo cinematográfico e enfoque sostido, funcións pensadas para mellorar videochamadas, transmisións en directo e a creación de contido en xeral.

No apartado de conectividade, a plataforma admite Wi-Fi 7 con velocidades de ata 7,3 Gbps, o que garante conexións rápidas e estables para streaming, descargas ou videoconferencias mesmo en contornos con moitas redes sen fíos ao mesmo tempo. A isto súmase o soporte para Bluetooth 6.0 de dobre motor, que ofrece unha conectividade eficiente con periféricos sen fíos e dispositivos de audio.

Rendemento pensado para as tarefas máis esixentes

Coa combinación dunha CPU totalmente de núcleos grandes, unha GPU potente e unha NPU que a propia compañía cualifica como líder no seu segmento, xunto con capacidades de IA axéntica acelerada, o Dimensity CX C10 Max preséntase como unha plataforma deseñada para afrontar as cargas de traballo máis esixentes e ofrecer unha multitarefa áxil orientada a maximizar a produtividade das usuarias.

Sobre o autor

Reply