Pechadas as candidaturas dos Premios Cátedra R en Ciberseguridade nunha edición centrada nas tecnoloxías intelixentes aplicadas ao negocio

A Cátedra R en Ciberseguridade, impulsada pola operadora galega R en colaboración coas universidades da Coruña (UDC) e de Vigo (UVigo), pechou esta semana o prazo para presentar candidaturas á súa nova edición de premios. O certame, que este ano cumpre oito anos de traxectoria, recoñece os mellores traballos académicos e de investigación desenvolvidos no ámbito da ciberseguridade durante o curso 2025-26, un exercicio que puxo o foco de xeito especial nas tecnoloxías intelixentes aplicadas ao negocio.

Os galardóns distinguen os mellores Traballos de Fin de Grao (TFG), Traballos de Fin de Máster (TFM) e Teses Doutorais ou Traballos de Investigación realizados en colaboración con empresas. Con esta iniciativa, a Cátedra R busca poñer en valor o talento universitario galego no eido dixital e impulsar proxectos con aplicación práctica real no tecido empresarial.

Unha cátedra pioneira que se renova cada ano

A Cátedra R en Ciberseguridade naceu en 2018 como unha iniciativa pioneira en Galiza para avanzar en materia de seguridade dixital ao ritmo da dixitalización do país. O acordo entre R, MasOrange e as universidades galegas foi revalidado hai xusto un ano, ratificando así unha colaboración directa entre o operador e as institucións académicas galegas.

Entre os seus grandes obxectivos destacan a captación de talento TIC en ámbitos como a informática, a intelixencia artificial aplicada ao negocio e a propia ciberseguridade, sen esquecer catro eixes prioritarios: a formación, a investigación, a transferencia tecnolóxica e a divulgación. Nesta nova etapa, a Cátedra R fai ademais un énfase especial na innovación en tecnoloxías intelixentes e en proxectos orientados á súa aplicación práctica no mundo empresarial.

Bolsas e prácticas para o estudantado de UDC e UVigo

Un dos piares fundamentais da Cátedra R son as súas bolsas de prácticas curriculares e extracurriculares en R, destinadas a estudantado de Grao e Máster da Facultade de Enxeñaría Informática da UDC e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo. Estas prácticas poden incluír a realización do propio TFG ou TFM, sempre baixo a supervisión dun titor ou titora académica do centro correspondente, co obxectivo de capacitar profesionalmente ao alumnado en contornos reais de traballo.

De feito, o 70% da dotación económica da Cátedra R destínase precisamente a bolsas e prácticas, mentres que o 30% restante se reserva a actividades de visibilidade, divulgación e fortalecemento institucional.

Un referente consolidado no ecosistema galego de ciberseguridade

Ao longo destes oito anos, a Cátedra R consolidouse como un referente dentro do ecosistema galego de ciberseguridade, organizando eventos pioneiros como cybersec@gal e integrándose na rede ciber.gal desde 2021. Ademais, participa activamente en iniciativas e obradoiros como Talento Ciber, XoveTIC, C3TF, CTFv2, JNIC ou Hacking nivel MEGA, así como nas Olimpíadas Teleco e en proxectos STEM Bach dirixidos a estudantado máis novo.

A Cátedra promove igualmente retos de innovación, xornadas tecnolóxicas e publicacións tanto científicas coma divulgativas, consolidando así unha alianza público-privada que busca adaptar o talento universitario ás necesidades reais das empresas e das administracións públicas.

O C3TF, unha competición Capture The Flag con patrocinio da Cátedra R

Con patrocinio da Cátedra R en Ciberseguridade, a finais de outubro celebrarase unha nova edición do C3TF (CITIC CYber Competition), unha competición de ciberseguridade no formato Capture The Flag organizada polo centro CITIC da Universidade da Coruña, en colaboración co centro atlanTTIC da Universidade de Vigo.

O torneo, que en edicións anteriores reuniu a máis dun centenar de estudantes, ten como obxectivo poñer a proba e mellorar as habilidades prácticas de novos talentos en disciplinas como a esteganografía, a criptografía ou a análise forense dixital, entre outras áreas da ciberseguridade.

A Cátedra R en Ciberseguridade, en cifras

A Cátedra R en Ciberseguridade suma máis de 500 estudantes participantes en actividades formativas e divulgativas, ademais de máis de 20 accións divulgativas, entre charlas, hackathons e mesas redondas.

Baixo este paraugas outorgáronse máis de 15 premios académicos en categorías de TFG, TFM e Teses Doutorais, e xeráronse 9 contratos indefinidosa partir de prácticas curriculares realizadas na propia compañía.

Estas cifras confirman á Cátedra R en Ciberseguridade como unha das apostas máis sólidas da colaboración público-privada en Galiza no eido da seguridade dixital, cunha traxectoria de oito anos que segue medrando ano tras ano de man das universidades da Coruña e de Vigo.

Sobre o autor

Reply