O mercado dos smartphones é cada vez máis esixente, e as marcas que non atopan un nicho propio corren o risco de desaparecer del, tal e como quedou patente recentemente coa saída do mercado español dunha compañía tan coñecida como OnePlus.
Vivo, pola súa banda, leva tempo tendo claro cal quere que sexa o seu selo distintivo, apostando pola fotografía móbil e a inclusión de sensores de alta resolución e obxectivos teleobxectivo desenvolvidos en colaboración co fabricante alemán de óptica Zeiss. O último paso desta estratexia é a nova serie X500, xa presentada oficialmente en China.
Aínda que non todos os modelos da gama chegarán ao noso mercado, si o farán os máis relevantes: o vivo X500 Pro Max, o vivo X500 Pro e o primeiro terminal encartábel da marca, o vivo X Fold 6.
Unha cámara principal desenvolvida xunto a Sony
Tanto o X500 Pro coma o X500 Pro Max incorporan unha nova cámara principal Zeiss TrueDynamic de 50 megapíxeles, baseada nun sensor Sony LYTIA L910 de 1/1,28 polgadas, deseñado de forma conxunta por Sony e vivo.
Este sensor acada un rango dinámico de ata 17 puntos EV cun ruído de lectura moi baixo, o que se traduce en gran nivel de detalle en calquera tipo de escena nunha soa exposición, desde un ceo moi luminoso ata rostros en sombra.
No caso do modelo tope de gama, o X500 Pro Max suma ademais estabilización óptica de nivel gimbal de 3 eixes, mentres que tanto a cámara principal coma o teleobxectivo acadan estabilización profesional CIPA 7.0 para lograr vídeos estables mesmo en movemento.
O teleobxectivo de 200 MP, a gran baza do X500 Pro Max
O elemento máis destacado do X500 Pro Max é, sen dúbida, o seu teleobxectivo Zeiss APO de 200 megapíxeles, pensado especificamente para fotografías a longa distancia sen perda de calidade. Conta cun amplo sensor de 1/1,4 polgadas para captar máis luz, unha distancia focal equivalente de 85 mm e a mesma estabilización profesional CIPA 7.0.
Segundo a compañía, este sistema permite obter imaxes nítidas e detalladas mesmo en tomas a grandes distancias focais. A isto súmase un sistema de enfoque automático láser multizona con 1.536 puntos, capaz de funcionar en calquera distancia focal para garantir un enfoque rápido e preciso.
O modelo tamén incorpora seguimento automático de enfoque a 60 fotogramas por segundo, unha tecnoloxía xa presente no anterior vivo X300 Ultra, que permite seguir ao suxeito fotografado ata 60 veces por segundo para lograr tomas máis nítidas e estables aínda que este se mova a alta velocidade. Vivo recomenda esta función especialmente para fotografar deportistas, animais ou artistas en directo, mentres que a función Long-Range Motion Snapshot 30x busca manter a acción nítida a longas distancias.
Pola súa banda, o X500 Pro conta cun teleobxectivo Zeiss APO baseado nun sensor Sony LYTIA 610 de 64 megapíxeles, tamén desenvolvido en colaboración entre Sony e vivo, con estabilización profesional CIPA 7.0 e compatibilidade coa función Long-Range Motion Snapshot 20x.
Ambos os modelos son compatibles con extensores teleobxectivo deseñados conxuntamente por vivo e Zeiss: o X500 Pro Max admite o Zeiss Gen 2 Ultra, cunha distancia focal equivalente de 400 mm e 15 elementos de vidro de alta transmitancia, mentres que o X500 Pro é compatible co Zeiss Gen 2, cunha distancia focal equivalente de 200 mm.
Por outra banda, tanto o X500 Pro coma o X500 Pro Max comparten o mesmo procesador, o MediaTek Dimensity 9600 Pro, fabricado nun proceso de 2 nanómetros, o que sitúa a vivo por diante doutros fabricantes que aínda seguen empregando procesos de 3 nanómetros nos seus buques insignia.
O X Fold 6, un modelo encartábel centrado tamén na fotografía
Antes da chegada dos modelos X500 Pro e X500 Pro Max, previstos para o 27 de outubro en Europa, vivo lanzará ao mercado español o seu primeiro terminal encartábel, o vivo X Fold 6, que chegará o 1 de outubro e que xa fora presentado en China meses atrás.
A diferenza doutros modelos encartábeis que xa están no mercado, e que adoitan sacrificar a calidade fotográfica en favor do formato encartábel, o X Fold 6 aposta por unha cámara principal Zeiss de 200 megapíxeles, acompañada dun teleobxectivo Zeiss APO que, por primeira vez neste tipo de dispositivos da marca, é compatible co extensor teleobxectivo.
Outro dos seus puntos fortes é a batería BlueVolt, cunha capacidade de 6.900 mAh a pesar de que o dispositivo mide apenas 4,4 mm de groso unha vez despregado e pesa 228 gramos. A pantalla interior é de 8,02 polgadas, mentres que a exterior queda en 6,51 polgadas.
Estrea tamén de OriginOS 7 no Estado español
Os tres novos terminais suporán ademais a chegada a España de OriginOS 7, a nova versión da capa de personalización de vivo baseada en Android, que aposta por máis efectos de transparencia na interface e, no caso concreto do encartábel, por un entorno mellor adaptado ao traballo e á multitarefa.
