Xiaomi non se conformou con presentar en China os seus novos buques insignia Xiaomi 18 Pro e 18 Pro Max. Xunto a eles, a compañía chinesa aproveitou para ampliar tamén a súa gama de tabletas coas novas Xiaomi Pad 9 Pro e Xiaomi Pad 9, que se suman á Xiaomi Pad 9 Pro Max presentada só uns días antes.
Xiaomi Pad 9 Pro: a opción máis potente da gama
O Xiaomi Pad 9 Pro é o modelo maior desta nova dupla, cunha pantalla LCD de 12,5 polgadas, taxa de refresco de 144 Hz e resolución 3.2K, características pensadas tanto para o consumo de contido multimedia coma para o traballo diario coa máxima fluidez.

No apartado de potencia, esta tableta incorpora o chipset Snapdragon 8 Gen 5, acompañado de ata 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento UFS 4.1. Na parte fotográfica, conta cunha cámara traseira principal de 50 MP e unha cámara frontal de 32 MP, ideal para videochamadas e contido en formato selfie.
A autonomía tamén é un dos puntos fortes da Pad 9 Pro, grazas a unha batería de 11.000 mAh compatible con carga rápida por cable de 67W.

Xiaomi Pad 9: mesmas prestacións nun formato máis compacto
A Xiaomi Pad 9 repite en boa medida a fórmula do modelo Pro, pero nun formato lixeiramente máis reducido, cunha pantalla de 11,2 polgadas que mantén as mesmas especificacións técnicas de panel que o seu irmán maior.

Neste caso, o chip encargado de mover o dispositivo é o Snapdragon 8s Gen 4, mantendo as mesmas opcións de memoria RAM e almacenamento dispoñibles no Pad 9 Pro. En canto ás cámaras, o Pad 9 conta cun sensor traseiro de 13 MP e unha cámara frontal de 8 MP, pensada para videochamadas e selfies.
A batería, neste caso, é de 9.720 mAh, con carga rápida de 45W. Ambos os modelos, tanto o Pad 9 coma o Pad 9 Pro, inclúen ademais carga inversa por cable, o que permite empregar a tableta para cargar outros dispositivos.
Características compartidas entre os dous modelos
Máis alá das diferenzas de tamaño, pantalla e potencia, o Xiaomi Pad 9 Pro e o Xiaomi Pad 9 comparten varias funcións destacadas.
Entre eleas están a presenza do sensor de pegada dixital lateral, conectividade Wi-Fi 7, Bluetooth 6.0 e catro altofalantes con soporte para son Dolby Atmos, pensados para mellorar a experiencia tanto en xogos coma na reprodución de contido multimedia.
Prezos e cores dispoñibles
En canto ao prezo, o Xiaomi Pad 9 Pro parte duns 500 euros na súa versión de 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento. A configuración de 8 GB e 256 GB sitúase nuns 600 €, mentres que a variante de 12 GB e 256 GB chega a uns 660 €. Existe ademais unha versión de 12 GB e 256 GB con pantalla mate, así como un modelo tope de gama con 16 GB de RAM por 700 euros ao cambio. Este modelo estará dispoñible nas cores Black, Silver e Spruce Green.
Pola súa banda, o Xiaomi Pad 9 ten un prezo de partida duns 420 euros para a versión de 8 GB e 128 GB. A configuración de 8 GB e 256 GB custa uns 460 €, mentres que a súa variante con acabado “soft light” nesa mesma memoria sobe ata uns 500 €. Finalmente, a opción de 12 GB e 256 GB péchase nos 540 €. Este modelo estará dispoñible en catro cores, Black, Ice Peach Pink, Silver e Spruce Green.
Por agora, Xiaomi confirmou o lanzamento destas tabletas unicamente para o mercado chinés, polo que aínda queda por coñecer se e cando chegarán a outras rexións, incluída Europa.
