Onivia, a maior rede de fibra neutra do Estado, estréase como OMV da man de Vodafone

Onivia, a operadora responsable da rede de fibra neutra máis extensa do Estado español, acaba de dar un paso decisivo na súa estratexia de crecemento: converterse tamén nun operador móbil virtual (OMV).

Para facelo, a compañía chegou a un acodo con Vodafone, converténdose así no último dos varios operadores que nos últimos meses conseguiron acceso ás infraestruturas móbiles da compañía vermella.

Unha rede de fibra que xa chega a máis de 10 millóns de fogares

Antes de falar do seu novo papel no mundo móbil, cómpre entender a magnitude do que xa é Onivia no ámbito da fibra óptica. A súa rede FTTH está despregada en máis de 10,2 millóns de fogares, repartidos por preto de 1.400 concellos de todo o territorio español, o que a converte na rede de fibra neutra máis extensa.

O concepto de rede neutra é precisamente o que define o modelo de negocio de Onivia, xa que a compañía non comercializa os seus servizos directamente ás usuarias finais, senón que os ofrece a nivel maiorista para que outras marcas de telecomunicacións, sen infraestrutura propia, poidan revendelos baixo a súa propia oferta comercial.

Grazas a este modelo, decenas de operadoras conseguen chegar á súa clientela sen ter que asumir o custo de despregar a súa propia rede. Entre elas destaca especialmente Digi, un dos operadores en auxe. Non en balde, ata 6 millóns dos máis de 10 millóns de fogares xestionados actualmente por Onivia foron orixinalmente despregados pola propia operadora romanesa, que posteriormente os vendeu, aínda que segue empregándoos como parte da súa cobertura de fibra Smart.

Onivia estréase como OMV apoiándose en Vodafone

O gran anuncio desta vez é a extensión dos servizos maioristas de Onivia ao ámbito móbil. Para conseguilo, a compañía elixiu operar sobre a rede de Vodafone, que desde a súa adquisición por parte do fondo Zegona vén mostrándose moito máis aberta a albergar operadores terceiros na súa infraestrutura móbil.

Onivia únese así a outros operadores que xa conseguiran nos últimos meses acceso á rede de Vodafone, como PTV, Silbo, Vera ou Avanza, consolidando setembro de 2026 como un mes especialmente activo en canto a novas incorporacións de OMV sobre a rede da operadora británica.

Un modelo maiorista tamén no móbil

A gran peculiaridade de Onivia como novo OMV é que, do mesmo xeito que fai coa fibra, non venderá os seus servizos móbiles directamente ao público. En vez diso, mantense fiel ao seu papel de rede neutra, ofrecendo o acceso á cobertura móbil de Vodafone a nivel maiorista para que sexan outras operadoras de menor tamaño as que revendan ese servizo baixo as súas propias marcas.

Grazas a este movemento, múltiples marcas de telecomunicacións terán agora acceso á cobertura de Vodafone para poder lanzar ofertas converxentes que combinen fibra de ata 10 Gbps de velocidade con conectividade móbil 5G, ampliando así de forma notable o abano de opcións dispoñibles para os operadores que dependen de infraestruturas de terceiros para chegar á súa clientela

Con este movemento, Onivia reforza o seu papel como un dos piares clave da competencia no sector das telecomunicacións en España, ao permitir que un número cada vez maior de marcas poidan ofrecer servizos converxentes de fibra e móbil sen necesidade de investir na súa propia infraestrutura de rede.

Sobre o autor

Reply