Opera suma unha eSIM de viaxe ao seu navegador para Android e regala 3 GB gratis en 47 países

Cada navegador web ten hoxe en día a súa propia personalidade. Mentres uns apostan pola velocidade, outros pola privacidade ou pola integración con intelixencia artificial, Opera leva tempo diferenciándose por engadir funcións que van moito máis alá de navegar por internet. VPN integrada, xestor de criptomoedas ou asistentes de intelixencia artificial son só algúns exemplos.

Non é casualidade que se trate dun dos navegadores mellor valorados polas usuarias que buscan algo máis que unha simple ventá para cargar páxinas web. Agora, Opera engade unha nova ferramenta á súa lista, unha eSIM de viaxe integrada directamente no navegador para Android, cunha oferta de benvida de 3 GB gratuítos en case medio centenar de países.

Unha eSIM sen custo inicial e sen deixar datos persoais

A eSIM é unha solución cada vez máis popular para quen viaxa con frecuencia e quere manterse conectado sen depender de redes WiFi públicas nin de tarifas de itinerancia excesivamente caras. Resultan sinxelas de instalar, de usar e de desbotar unha vez rematada a viaxe, aínda que, dependendo do país e dos datos contratados, poden chegar a ter un prezo elevado.

Opera quere facerse un oco neste mercado, cada vez máis saturado de provedores, cunha proposta proia. E faino ofrecendo3 GB de balde para comezar, sen necesidade de rexistrarse, de iniciar sesión cunha conta de Opera nin de facilitar datos de pago. É dicir, que calquera pode probala sen ningún compromiso económico previo.

Polo de agora este servizo só está dispoñíbel na súa versión para Android; mentres que as usuarias de iOS quedan fóra desta función de momento. O servizo ofrece conexión en 47 países e, aínda que se activa desde o navegador, funciona como unha eSIM global para o propio teléfono, non limitada unicamente á navegación dentro da app.

Iso si, máis aló dos 3 GB sen custo, Opera ofrece diferentes plans de datos de pago para quen necesite máis conexión ou máis días de uso.

Requisitos para poder usala

Para poder facer uso desta nova eSIM de Opera, cómpre dispor dun móbil Android compatible con tarxetas SIM electrónicas e que o dispositivo estea libre, é dicir, sen estar asociado en exclusiva a ningún operador. Se se cumpren ambas as condicións, o proceso para activar os 3 GB gratuítos é moi sinxelo.

Para ilo debemos descargar o navegador Opera desde Google Play, ou actualízao se xa o temos instalado no móbil, e premer sobre a icona do avatar, situada na parte inferior dereita da pantalla. A continuación seleccionaremos a opción “eSIM”, onde debería aparecer unha proba gratuíta independente de 3 GB de eSIM.

Unha vez esgotados os 3 GB no destino escollido, Opera ofrecerá a opción de adquirir un novo plan de datos, este xa con custo. Iso si, os 3 GB gratuítos teñen unha duración de tres días desde a súa activación, polo que é recomendable activalos xa no destino, ou inmediatamente antes de embarcar cara a el.

    Destinos incluídos na eSIM de Opera

    En canto aos destinos, as usuarias poden escoller eSIM para calquera destes 47 destinos incluídos.

    Este son Albania, Alemaña, Australia, Austria, Bélxica, Bulgaria, Corea do Sur, Croacia, Chipre, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estados Unidos, Estonia, Exipto, Finlandia, Francia, Georxia, Grecia, Hong Kong, Hungría, Islandia, Irlanda, Italia, Letonia, Liechtenstein, Lituania, Luxemburgo, Malaisia, Malta, Montenegro, Noruega, Nova Celandia, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Romanía, Singapur, Sri Lanka, Suecia, Suíza, Taiwán, Tailandia e Turquía.

    Sobre o autor

    Reply