Meta anuncia Meta One, a subscrición con intelixencia artificial para crear e destacar

Meta acaba de presentar Meta One, un novo servizo de subscrición dispoñible nas súas aplicacións que promete un maior acceso á intelixencia artificial e funcións melloradas para expresarse, ademais de ferramentas profesionais pensadas para creadores de contido e empresas.

A compañía asegura que as funcións principais das súas apps e de Meta AI seguirán sendo gratuítas, aínda que Meta One abre a porta a capacidades máis avanzadas para quen queira ir máis alá.

O lanzamento inclúe xa máis de 50 funcións en Instagram, Facebook, WhatsApp e Meta AI, e a compañía prevé estendelo proximamente a Edits, ás súas gafas con intelixencia artificial e a outros servizos do ecosistema Meta. Segundo os datos facilitados pola propia compañía, ata o momento xa se rexistraron 15 millóns de subscricións e probas deste novo servizo.

Plans individuais: Instagram Plus, Facebook Plus e WhatsApp Plus

A comezos deste ano, Meta xa lanzara os primeiros plans de Meta One para produtos individuais: Instagram Plus, Facebook Plus e WhatsApp Plus, centrados en ofrecer funcións exclusivas para reforzar a conexión e a creatividade en Instagram e Facebook, así como unha maior organización e personalización en WhatsApp.

Segundo afirman, estes plans están a rexistrar boa retención de usuarias e seguen ampliándose con novas funcións:

  • Instagram Plus incorporou recentemente fontes personalizadas para as mensaxes directas e as historias, notificacións cando determinadas persoas as ven, e vistas previas das mensaxes directas.
  • Facebook Plus, pola súa banda, está a engadir opcións de personalización para Messenger, máis información sobre os reels e a ampliación das super reaccións tanto a reels coma a publicacións do feed.
  • WhatsApp Plus, ademais, probará proximamente almacenamento para copias de seguridade de chats e arquivos multimedia, xunto con horarios de concentración que permiten silenciar ou ocultar conversas segundo un horario establecido, protexendo así o tempo que máis importa ao usuario.

Core e Premium: máis intelixencia artificial nun só plan

Meta One vai un paso máis alá cos seus plans combinados Core e Premium, que xuntan as funcións dos plans individuais nunha soa subscrición e ofrecen un maior uso das funcións de IA que requiren máis capacidade de procesamento.

Isto tradúcese en máis posibilidades para xerar contido multimedia con Meta AI, como a creación e edición de imaxes ou a xeración de vídeos coa tecnoloxía dos modelos Muse, ademais dun maior uso de ferramentas de IA xa integradas nas aplicacións, como Restyle en Instagram.

Meta AI seguirá sendo gratuíta para o uso cotián, de maneira que os plans Core e Premium están pensados para quen busca maior liberdade creativa coas ferramentas de intelixencia artificial da compañía. Segundo Meta, nas primeiras probas, máis da metade dos subscritores empregaron tanto as funcións de IA coma as de expresión persoal incluídas nestes plans combinados, sendo Restyle e os efectos de voz en Instagram algúns dos principais motivos de subscrición.

Ferramentas profesionais para creadores e empresas

Xerar audiencia e xestionar un negocio en redes sociais require un traballo constante, que vai desde crear contido e coñecer o que mellor funciona, ata destacar ante novas audiencias. Os plans de Meta One para creadores e empresas incorporan máis ferramentas profesionais e funcións de intelixencia artificial directamente nas aplicacións que xa usan os seus públicos e clientes, sen necesidade de crear outra conta nin descargar unha nova app.

Entre as novidades destacan un perfil mellorado que mostra a páxina web, as localizacións e o que outras persoas din sobre o negocio; un botón de seguimento destacado nos reels; e o envío automático de invitacións para seguir a quen interactúa co contido publicado. Ademais, permite responder aos clientes a calquera hora do día grazas a máis funcionalidades do Meta Business Agent.

A compañía anuncia que seguirá incorporando novas funcións e capacidades de axentes de IA pensadas para axudar a pequenas empresas e creadores a xestionar de principio a fin o seu marketing, as súas operacións comerciais, a creación de contido e a súa optimización. Entre as próximas novidades figura Edits Plus, un novo plan que ofrecerá máis almacenamento na nube para sincronizar e acceder a proxectos desde varios dispositivos, xunto cun maior uso do futuro asistente de Edits, deseñado para analizar as estatísticas de Instagram e xerar novas ideas de contido.

Prezos e dispoñibilidade

Os plans de Meta One xa están dispoñibles en todo o mundo, con prezos que arrancan nos 2,49 € ao mes para produtos individuais, os 6,99 € ao mes para os plans combinados de usuarias particulares e os 16,99 € ao mes para os plans combinados destinados a creadores e empresas.

  • Instagram Plus (2,99 €/mes): personalización da experiencia e maior conexión cos amigos.
  • WhatsApp Plus (2,49 €/mes): temas e iconas exclusivas, stickers con efectos especiais e máis chats fixados.
  • Facebook Plus (2,99 €/mes): iconas personalizadas para a app, super corazóns e outras funcións de personalización.
  • Core (6,99 €/mes): Restyle en máis historias de Instagram, máis uso de efectos de voz e ferramentas creativas, e maior xeración de imaxes e vídeos con Meta AI, ademais de todas as funcións dos plans individuais.
  • Premium (20,99 €/mes): inclúe todo o de Core, cunha maior capacidade de creación de contido con Meta AI en todo o conxunto de aplicacións.
  • Essential (desde 16,99 €/mes): ferramentas para xestionar a presenza online, maior acceso ao Meta Business Agent en WhatsApp para atender clientes as 24 horas, insignia de verificación, canle verificada en WhatsApp Business e protección fronte á suplantación de identidade.
  • Advanced (desde 54,99 €/mes): funcións avanzadas de publicación —como programar historias con ata 30 días de antelación—, enlaces en publicacións orgánicas e reels, exportación de análises, información máis detallada sobre a audiencia, acceso de equipo sen compartir contrasinal, máis dispositivos vinculados, créditos para difusións comerciais en WhatsApp e máis respostas do Meta Business Agent.
  • Expert (desde 169 €/mes) e Max (desde 549 €/mes): pensados para equipos que xestionan operacións a gran escala, cos niveis máis altos de acceso a funcións e capacidade do Meta Business Agent.

Segundo indica a propia compañía, os plans, as vantaxes, os prezos e a dispoñibilidade poden variar en función da rexión, a aplicación e a conta, polo que é necesario iniciar o proceso de subscrición para coñecer as funcións específicas dispoñibles en cada caso.

Sobre o autor

Reply