Samsung acaba de presentar oficialmente a nova serie Galaxy Tab S12, composta polos modelos Galaxy Tab S12 Ultra e Galaxy Tab S12+, cunha proposta que combina rendemento de última xeración, batería de longa duración e as funcións máis recentes de Galaxy AI.
E, todo iso, mantendo o deseño ultrafino que xa caracteriza á gama Galaxy Tab. O resultado é unha dupla de tabletas pensada tanto para o traballo e o estudo coma para proxectos creativos máis esixentes.
Un deseño ultrafino cun rendemento sen precedentes
Un dos grandes reclamos desta nova xeración é o seu equilibrio entre potencia e portabilidade. Con apenas 5,1 mm de grosor, a Galaxy Tab S12 Ultra convértese na Galaxy Tab máis fina fabricada por Samsung ata o momento, sen por iso renunciar ao que a compañía describe como o rendemento máis potente que tivo nunca unha Galaxy Tab.
Ambos os dous modelos están pensados para acompañar xornadas longas sen interrupcións: cunha única carga, o Galaxy Tab S12 Ultra ofrece ata 23 horas de autonomía, mentres que o Galaxy Tab S12+ chega ás 21 horas. Cando chega o momento de recargar, o adaptador de 45W permite pasar do 0% ao 100% en arredor de 95 minutos, reducindo ao mínimo o tempo sen dispositivo dispoñible.

A serie incorpora un avanzado procesador MediaTek Dimensity 9500, fabricado en proceso de 3 nanómetros, que segundo Samsung ofrece un procesamento de NPU ata un 61% máis rápido, un rendemento de CPU un 19% superior e unha potencia gráfica mellorada nun 17% respecto á xeración anterior, a Galaxy Tab S11 Ultra.
A isto súmase unha nova cámara de vapor 3D, encargada de disipar o calor de forma máis eficiente durante tarefas esixentes como a edición de vídeo ou o deseño gráfico prolongado. En canto á resistencia, ambos os modelos contan con certificación IP68 fronte á auga e ao po.
Pantallas grandes, luminosas e cun novo salto no son
A Galaxy Tab S12 Ultra estrea unha ampla pantalla de 14,6 polgadas, ideal para explorar contidos complexos ou consultar varias fontes simultaneamente, mentres que a Galaxy Tab S12+ incorpora un panel de 12,6 polgadas con marcos máis finos que o seu antecesor, gañando superficie de visualización sen sacrificar portabilidade.
Ambos os modelos empregan paneis Dynamic AMOLED 2X cun brillo máximo de ata 1.600 nits, e incorporan a renovada función Vision Booster, que axusta o brillo en tempo real segundo as condicións de iluminación do contorno.

No apartado sonoro, a serie Galaxy Tab S12 estrea audio espacial de catro canles, o dobre que na xeración anterior, ofrecendo unha experiencia máis envolvente tanto para reproducir contido coma para seguir titoriais ou traballar en edición de vídeo.
Multitarefa, S Pen e as ferramentas de Galaxy AI
Con Android 17, One UI 9 e o máis recente de Galaxy AI, a serie Galaxy Tab S12 reúne nun mesmo lugar ferramentas de investigación, toma de notas, creación de contido e asistencia mediante intelixencia artificial. Grazas á función Multi Window, a pantalla pode dividirse en ata tres seccións simultáneas, permitindo, por exemplo, tomar notas nun lado mentres se reproduce unha clase e se consulta un asistente de IA noutra sección, todo sen necesidade de pausar o contido.
Os dous modelos inclúen de serie un S Pen con deseño ergonómico, pensado para tomar notas, facer anotacións sobre documentos ou debuxar ideas con precisión. Para quen busque un espazo de traballo máis estruturado, Samsung ofrece o teclado Pro Keyboard, cun acabado premium de aluminio e unha tecla específica de acceso directo a Galaxy AI, así como o Book Cover Keyboard Slim, pensado para maior flexibilidade e comodidade de escritura.

A serie inclúe ademais seis meses de proba de Google AI Pro, que dá acceso desde o primeiro día aos modelos de intelixencia artificial máis avanzados de Google, permitindo consultar a Gemini calquera dúbida ou afondar en temas de interese. Con Gemini Notebook, as usuarias poden reunir notas, imaxes, gravacións e arquivos nun único espazo de traballo, e xerar resumos, podcasts ou cuestionarios de forma automática.
Aplicacións profesionais preinstaladas por un valor de case 400 euros
Un dos grandes atractivos desta nova xeración é o seu ecosistema de aplicacións profesionais, que Samsung valora en conxunto en preto de 400 euros en vantaxes para os usuarios.
Por primeira vez nunha tableta Android, a serie Galaxy Tab S12 inclúe Adobe Photoshop preinstalado, cunha interface optimizada para tabletas e compatibilidade completa co S Pen, ademais de ferramentas de intelixencia artificial xenerativa baseadas en Adobe Firefly. As usuarias da serie reciben catro meses de acceso gratuíto ao plan móbil de Photoshop.
A isto súmanse outras aplicacións destacadas xa preinstaladas ou con vantaxes exclusivas: Notability (seis meses de proba gratuíta e 20% de desconto), Goodnotes (un ano de acceso gratuíto), LumaFusion para edición de vídeo profesional (66% de desconto), Notion (un mes gratuíto do plan Plus) e Clip Studio Paint para debuxo e pintura dixital (seis meses de proba e 20% de desconto). A oferta complétase con ferramentas adicionais como MyScript Math, MyScript Notes, Noteshelf 3 ou ArcSite, pensadas para necesidades máis específicas de estudo, toma de notas ou deseño técnico.
Prezo e dispoñibilidade
A serie Samsung Galaxy Tab S12 estará dispoñible a partir do 7 de outubro de 2026 a través de Samsung.com, na cor gris, cun prezo de partida de 1.299 euros para o Galaxy Tab S12+ e de 1.539 euros para o Galaxy Tab S12 Ultra.
Ambos os modelos están deseñados para un uso duradeiro, con soporte confirmado de ata sete xeracións de actualizacións do sistema operativo e de parches de seguridade. Ademais, as usuarias poden contratar Samsung Care+ para unha cobertura integral que inclúe reparacións rápidas por danos accidentais, garantía ampliada e asistencia de expertos certificados, xestionable directamente desde o móbil a través do menú de garantía e coidado en dispositivos Galaxy con One UI 9.
Ficha técnica comparativa
| Galaxy Tab S12 Ultra (14,6″) | Galaxy Tab S12+ (12,6″) | |
|---|---|---|
| Dimensións | 208,5 x 326,3 x 5,1 mm | 187,8 x 289,5 x 5,3 mm |
| Peso | 692 g (Wi-Fi) / 695 g (5G) | 553 g (Wi-Fi) / 555 g (5G) |
| Sistema operativo | Android 17, One UI 9 | Android 17, One UI 9 |
| Pantalla | 14,6″, 2960 x 1848, 120 Hz, Dynamic AMOLED 2X | 12,6″, 2800 x 1752, 120 Hz, Dynamic AMOLED 2X |
| Brillo | Máximo 1.600 nits / HBM 1.000 nits | Máximo 1.600 nits / HBM 1.000 nits |
| Procesador | MediaTek Dimensity 9500 | MediaTek Dimensity 9500 |
| Memoria | 16+1TB, 12+512GB, 12+256GB, microSD ata 2TB | 12+512GB, 12+256GB, microSD ata 2TB |
| Batería / Carga | 11.600 mAh / 45W | 10.600 mAh / 45W |
| Conectividade | 5G, Wi-Fi 7, Bluetooth 6.0 | 5G, Wi-Fi 6E, Bluetooth 6.0 |
| Cámara traseira | 13 MP + 8 MP ultra gran angular | 13 MP |
| Cámara frontal | 12 MP ultra gran angular | 12 MP ultra gran angular |
| Son | 4 altofalantes, audio espacial 4 canles | 4 altofalantes, audio espacial 4 canles |
| S Pen | Incluído na caixa | Incluído na caixa |
| Resistencia | IP68 | IP68 |
| SIM | Dual SIM (pSIM + eSIM) | Dual SIM (pSIM + eSIM) |
| Seguridade | Lector de pegadas en pantalla | Lector de pegadas en pantalla |
| Cores | Gris, prata | Gris, prata |
Coa serie Galaxy Tab S12, Samsung reforza a súa aposta por combinar potencia de nivel profesional, un deseño ultrafino e un ecosistema completo de ferramentas de intelixencia artificial, situando estas novas tabletas como unha das opcións máis completas do mercado para quen busca produtividade, creatividade e autonomía nun só dispositivo.
