OPPO confirmou que a súa nova serie de buques insignia, a OPPO Find X10, presentarase a nivel mundial o 21 de outubro. Baixo o lema “Cámaras de 200MP. Fiel ao que ves”, a familia chega coa ambición de ser unha cámara Hasselblad True-to-Life en formato smartphone, combinando hardware fotográfico de vangarda co novo LUMO True Image Engine, o motor de imaxe de última xeración da compañía.
Segundo adiantan, os novos modelos manteñen o deseño minimalista característico da serie Find X, con materiais premium e detalles moi coidados. A gran novidade é o seu deseño sen bordos, cun cristal esculpido dunha soa peza que se integra de forma fluída co módulo de cámaras, suavizando o impacto visual do relevo traseiro.
O OPPO Find X10 Pro Max en acabado branco inspírase nas cámaras clásicas. O seu módulo LUMO Island presenta un acabado metálico en prata mate e aloxa a cámara True Color de nova xeración xunto cun sistema de dobre flash, cos detalles gravados e o característico anel laranxa mate propio de Hasselblad. Na parte traseira, un cristal mate suave combínase cun sutil patrón inspirado en acabados téxtiles nun acabado bicolor.
En canto ás cores, o Find X10 chegará en Azul, Coral e Gris néboa, mentres que o Find X10 Pro Max estará dispoñible en Gris titanio e Branco.
Cámaras de 200 MP
O gran salto está no hardware de imaxe. O Find X10 incorpora un sistema de dobre cámara de 200 MP, pioneiro na súa categoría e co-desenvolvido con Hasselblad. O Find X10 Pro Max vai aínda máis lonxe cun sistema de triple cámara de 200 MP, o primeiro da industria, que leva sensores de 200 MP ás cámaras ultra gran angular, principal e teleobxectivo por primeira vez nun smartphone.
Para aproveitar ao máximo este hardware, OPPO estrea o LUMO True Image Engine, a súa solución de fotografía computacional de última xeración. Esta tecnoloxía combina a experiencia de OPPO en imaxe coa representación de tons naturais do Modo Mestre, apoiada pola información de cor precisa captada pola cámara True Color.
O resultado, segundo a compañía, son detalles auténticos, cores precisos, tons de pel reais e contrastes naturais, de forma que as imaxes se manteñen fieis ao momento tal e como se recorda.
A serie tamén dá un salto importante no vídeo. No Find X10 Pro Max, as tres cámaras traseiras admiten gravación en 4K a 120 fps e 8K a 30 fps, mentres que o Find X10 ofrece as mesmas capacidades nas súas dúas cámaras de 200 MP.
Ademais, a serie introduce a función Open Gate Capture, que utiliza toda a superficie de captura do sensor para abarcar unha maior extensión da escena, dándolles aos creadores máis liberdade para recortar e reencadrar en posprodución para formatos horizontais, verticais ou outros.
Potencia con chipset de 2 nm e batería para dous días
O rendemento corre a cargo dos procesadores insignia de MediaTek. O Find X10 conta co Dimensity 9600M, mentres que o Find X10 Pro Max sitúase entre os primeiros smartphones en equipar o Dimensity 9600 Pro de 2 nm, cun gran salto tanto en rendemento como en eficiencia enerxética.
Ambos os modelos incorporan unha batería de silicio-carbono de 7.150 mAh, que ofrece ata dous días de uso habitual cunha soa carga. A compañía asegura que está pensada para manter máis do 80% da súa capacidade orixinal tras cinco anos de uso convencional.
A serie estrea ColorOS 17, cunha aparencia renovada e experiencias cotiás máis intelixentes. O seu novo Living Flow Design combina un aspecto visual refinado con interaccións fluídas, mentres que a función AI Mind Pilot con Agent Mode conecta a IA baseada en axentes cos arquivos e fotos do teléfono, axudando a realizar tarefas complexas cunha soa instrución.
Promoción de pre-reserva
Para xerar expectación, OPPO lanzou a súa promoción de reserva, dispoñible desde agora ata o 21 de outubro ás 16:50.
As vantaxes de quen se acolla a esta promoción inclúen un cupón de ata 200 € de desconto, tras o pagamento de só 49 € en concepto de pre-reserva; un regalo a escoller (OPPO Hasselblad Teleconverter Kit, OPPO Watch X3 ou OPPO Pad Neo); até 250 € adicionais como bonificación por entrega de terminal antigo e un 15% de desconto adicional exclusivo para estudantes.
OPPO desvelará as especificacións completas, os prezos e a dispoñibilidade, xunto con máis novidades desta serie, durante o evento de presentación mundial que se celebrará en Mallorca o vindeiro 21 de outubro.
