Novos Timekettle LiveTalk, uns auriculares con intérprete de IA para 53 idiomas

A barreira idiomática que podemos ter viaxando polo mundo ou traballando a nivel internacional vaise diluíndo conforme aparecen novas ferramentas que axudan a facer a labor de intérprete persoal. Moitas delas, como leva facendo Samsung algún tempo, están baseadas en ferramentas de software integradas nos nosos smartphones e outras, como os novos auriculares dos que hoxe falamos, en aparellos específicos.

Os Timekettle LiveTalk aspiran a facerse un oco como auriculares cuxa principal función é facer de intérprete en tempo real, grazas a ferramentas de intelixencia artificial, e, ao tempo, ser uns auriculares de uso diario.

53 idiomas, 107 acentos e tradución sen conexión

Os LiveTalk recoñecen 53 idiomas e 107 acentos, e son capaces de traducir 25 pares de idiomas mesmo sen conexión a internet. Funcionan co Babel OS 3.0, a última xeración da plataforma de tradución propia da compañía. Timekettle presenta este produto como unha categoría independente dentro do seu catálogo, e non como un simple accesorio máis de tradución.

Na proposta de Timekettle, a tradución non é unha función especial reservada a momentos puntuais, senón que atinxe a catro situacións que se poden dar no día a día dalgunhas persoas.

O máis destacado é o modo conversa, no que dous interlocutores empregan un único par de auriculares e os LiveTalk interpretan en tempo real, podendo compartir un mesmo par. Mais tamén temos o modo escoita, orientado a charlas, visitas guiadas ou conferencias, onde se escoita a quen fala e a tradución chega directamente ao oído.

Para entornos de índole máis laboral, como chamadas ou videoconferencias, traduce nos dous sentidos da conversa, sen que a outra persoa teña que instalar ningún software adicional. E, por último, dispón dun modo multimedia que traduce contido de audio e vídeo reproducido no smartphone ou no ordenador, desde cursos en liña ata reunións e retransmisións en directo.

Son de calidade musical, non só de tradución

O que distingue os LiveTalk doutros dispositivos pensados únicamente para traducir é o coidado que Timekettle puxo no apartado sonoro. Cada auricular conta cun transdutor dinámico de 11 mm con membrana de titanio e bordo de escuma de alta amortiguación, o que garante agudos nítidos, graves controlados e unha reprodución clara tanto da voz como da música.

A través da aplicación de Timekettle hai seis preaxustes de ecualización (Predeterminado, Rock, Pop, Clásica, Jazz e Country), ademais dun perfil de usuario totalmente configurable. Cando se activa algún dos modos de tradución, os auriculares cambian automaticamente a un perfil optimizado para a fala, que realza as frecuencias máis importantes para a intelixibilidade.

6,9 gramos por auricular e ata 35 horas de autonomía

Timekettle apostou por un deseño lixeiro e aberto con gancho para a orella. Cada auricular pesa 6,9 gramos, e o conxunto completo, incluído o estoxo de carga, chega aos 74,9 gramos.

En autonomía, segundo o fabricante, a batería de 60 mAh de cada auricular ofrece ata 8 horas de reprodución de música, mentres que o estoxo de carga, de 500 mAh, eleva a autonomía total ata as 35 horas. Unha carga rápida de dez minutos permite uns 2,5 horas de reprodución, un tempo máis que suficiente para traxectos pequenos.

A conexión realízase a través de Bluetooth 5.3, e a función LiveTalk permite conectar dous dispositivos á vez, como un smartphone e un portátil ou unha tableta, sen necesidade de volver emparellalos.

Babel OS 3.0: contexto en lugar de tradución palabra por palabra

A base técnica destes auriculares é Babel OS 3.0. Timekettle resume os requisitos para unha tradución en directo fiable en tres conceptos: FAST, VAST e FLUENT.

  • Fast: nodos de servidor rápidos que manteñen conexións estables mesmo con pouca cobertura de rede.
  • Vast: a ampla oferta de 53 idiomas, incluída a opción de reserva sen conexión.
  • Fluent: un módulo de revisión baseado en IA que transforma as traducións literais en formulacións máis idiomáticas e naturais.

Ademais, no modo de escoita, LiveTalk xera resumos automáticos con marca de tempo das sesións máis longas, e as transcricións poden consultarse a través da aplicación e reutilizarse máis adiante.

Dispoñibilidade e prezo

Os novos Timekettle LiveTalk xa están dispoñíbeis, podéndose mercar por algo menos de 130 € a través da Internet.

A compañía pensa, entre outros perfís, en persoas que viaxan con frecuencia, profesionais que traballan a nivel internacional, estudantes e familias multilingües. Desta maneira, a interpretación en tempo real pasa da cabina de conferencias á equipaxe de man.

Sobre o autor

Reply