Vodafone avanza en dous frontes á vez, a rede móbil máis avanzada e a fibra ultrarrápida. A operadora vén de completar a activación do 5G Standalone (5G SA) en Euskadi, segundo territorio tras unha experiencia en Murcia. E, ao tempo, prepara o lanzamento comercial dos 10 Gbps na súa rede de fibra.
Trátase de dúas novidades que chegan nun momento de incertidume sobre o futuro da compañía, e cando a operadora está máis centrada en mellorar os seus resultados financieiros ca en “correr” para ser a primeira en ofrece as últimas tecnoloxías.
O 5G SA xa dispoñíbel en Euskadi
Vodafone completou a activación da súa rede 5G SA en Euskadi, cumprindo así o compromiso anunciado de levar esta tecnoloxía a todo o país durante o verán. Deste xeito, o territorios vasco pasa a contar co 5G na súa versión máis avanzada, que a diferenza das primeiras implantacións do 5G, funciona por completo sobre un núcleo 5G, sen depender do núcleo 4G.
Iso permite ofrecer todas as capacidades da quinta xeración móbil, que inclúen latencias máis baixas, maior fiabilidade e funcionalidades como o network slicing, que fai posible crear redes virtuais independentes sobre a mesma infraestrutura, con calidades de servizo garantidas para cada uso.
Ademais, o 5G Standalone abre a porta a novas aplicacións en sectores estratéxicos para a economía vasca, como a industria, a loxística, a enerxía ou a saúde. Entre elas figuran a automatización e a robótica en planta, o control remoto de maquinaria en tempo real, a Internet das Cousas industrial e a conexión de servizos públicos que requiren máxima fiabilidade.
Segundo apuntou a operadora nun comunicado, Vodafone Empresas será a encargada de trasladar estas capacidades a solucións concretas para compañías, administracións e sectores estratéxicos, combinando conectividade avanzada, intelixencia artificial e ciberseguridade integrada desde o deseño.
Vodafone, a piques de unirse ao club dos 10 Gbps
Na fibra, Vodafone podería estar moi preto de achegar novidades. O “club” das operadoras que comercializan 10 Gb de velocidade conta por agora con Digi, Orange e, máis recentemente, Movistar como únicos participantes, nun mercado que explota a tecnoloxía XGS-PON para superar os límites do veterano GPON. Todo indica que Vodafone será o seguinte en sumarse.
En maio, Vodafone adiantou os seus plans para actualizar a súa modesta pegada de fibra a esta tecnoloxía. A súa rede FTTH en 11 cidades e 5 provincias foi actualizada nos últimos meses a XGS-PON, aínda que de momento non se avanzou en Galiza. De feito, as cidades implicadas nesta actualización son Madrid, Barcelona, Sevilla, Málaga, Pamplona, Badalona, Marbella, Olesa de Montserrat, Ciempozuelos, Las Rozas e Sant Vicenç dels Horts.
Porén, este proxecto continuará nos vindeiros anos por todo o país e require a actualización dos equipos da rede de fibra.
A chegada dos 10 Gb á rede FTTH de Vodafone pechará o debate sobre a superioridade da fibra fronte á tecnoloxía de cable HFC herdada de Ono, que xa non poderá ofrecer a mesma velocidade e cuxo destino é apagarse.
Dous pasos, unha mesma estratexia
Co 5G Standalone completado en Euskadi e a fibra de 10 Gbps cada vez máis preto, Vodafone reforza a súa posición en dúas das tecnoloxías clave da conectividade actual.
Os 10 Gb requirirán que Vodafone empece a empregar un router novo compatible con XGS-PON, o que sería unha boa oportunidade para estrear o Wi-Fi 7, unha tecnoloxía que a operadora aínda non ofrece aos seus clientes.
Vodafone conta con uns 3,8 millóns de fogares cubertos con FTTH, procedentes dos despregamentos que realizou entre 2014 e 2016. Tras a compra de Ono, os seus plans coa fibra quedaron aparcados. Agora, co salto aos 10 Gbps, a operadora volve poñer o foco na súa rede de fibra propia.
