Cando se produciu o gran apagón na península, 55 millóns de consumidoras entre España e Portugal quedaron sen poder pagar se non dispoñían de diñeiro en efectivo. A caída do subministro eléctrico e das redes de telecomunicacións impediu que os datafonos (TPV) dos comercios puidesen procesar os pagamentos con tarxeta.
Para evitar que unha futura caída do sistema eléctrico ou das redes móbiles deixe fóra de servizo a súa rede, Mastercard anunciou medidas para que as futuras tarxetas bancarias sigan funcionando mesmo cando non hai fibra nin datos móbiles. Unha novidade que chegará a toda Europa a partir de 2027, permitirá pagar ata 200 € por transacción en produtos básicos sen necesidade de conexión.
Como funcionarán os pagamentos offline de Mastercard
O sistema baséase en que as tarxetas almacenarán de forma segura o diñeiro dispoñible no seu chip. Se o datafono perde a conexión, poderá aprobar o pagamento de forma local cun máximo de 200 € por transacción. Unha vez se recupere a conectividade, o estado da conta actualizarase nos servidores do banco emisor.
Cando o novo sistema estea en marcha, as usuarias das tarxetas Mastercard poderán pagar produtos básicos en supermercados, tendas de alimentación, estacións de servizo, farmacias ou máquinas expendedoras de billetes de transporte.
Dinamarca, Suecia, Estonia e Letonia, pioneiros deste sistema
Os primeiros países en facer os pagamentos de Mastercard resistentes aos apagóns foron Dinamarca, Suecia, Estonia e Letonia.
As primeiras experiencias xa demostraron a súa utilidade durante unha recente tormenta en Letonia, onde os pagamentos con tarxeta continuaron nos comercios que contaban con xeradores locais.
Así mesmo en Dinamarca, esta primavera, cando unha interrupción técnica illou os terminais do sistema de pagamentos xeral, os protocolos de crise de Mastercard permitiron que moitas transaccións continuasen en comercios esenciais.
Cando chegará aoresto de Europa
Segundo explicou Mastercard nun comunicado, o plan é expandir o sistema a toda Europa segundo ao longo de 2027 en dúas fases.
Para febreiro de 2027, todas as novas tarxetas emitidas polos bancos virán preparadas para os pagamentos offline, mentres que para maio de 2027 a compañía espera que os novos terminais de pagamento proporcionados aos comercios soporten tamén esta capacidade.
Con esta medida, Mastercard busca blindar o sistema de pagamentos fronte a futuros incidentes, garantindo que, aínda que caian as redes, as usuarias poidan seguir mercando o máis básico.
