Revolut estréase como operador móbil en Alemaña coa rede de Telefónica e datos ilimitados

O neobanco Revolut dá un paso máis na súa expansión máis aló das finanzas. Despois de lanzar a finais do ano pasado as súas eSIM para usar datos no estranxeiro, a compañía acaba de presentar Revolut Mobile en Alemaña, un servizo que lle permite ás usuarias contratar unha tarifa móbil propia, con número nacional e chamadas e datos incluídos.

A compañía traballa sobre a infraestrutura de O2 de Telefónica, é dicir, a rede móbil de Telefónica Deutschland, e en colaboración con 1GLOBAL, o seu socio de telecomunicacións co que xa ofrece os plans en roaming.

Datos ilimitados sen permanencia

O servizo estréase cunha única tarifa de 14,99 euros ao mes que inclúe datos ilimitados, ademais de chamadas e SMS ilimitados en Alemaña e roaming por toda Europa con 40 GB sen redución de velocidade.

Porén, hai letra pequena no “ilimitado” dos seus datos, xa que a máxima velocidade de descarga é de 100 Mbps, moi por debaixo do que se pode conseguir nunha tarifa estándar sobre 5G ou mesmo as versións máis avanzadas do 4G. Ademais, esta máxima velocidade é para os 120 primeiros GB de datos, consumidos os cales a velocidade redúcese a 2 Mbps.

A xestión da liña faise por completo desde a aplicación de Revolut, cunha activación en segundos e sen permanencias. As usuarias poden escoller entre dar de alta un número novo, portar o seu teléfono de toda a vida ou mesmo seleccionar un “número VIP” fácil de lembrar, con custo adicional. Hai ademais a opción de ter ata tres números de teléfono nunha soa tarifa e de pagar toda a tarifa, ou parte dela, cos RevPoints do programa de fidelización.

Revolut Mobile chegará ao noso país

Revolut lanzará plans móbiles no noso país nos próximos meses, se ben falta por saber con que operador chegará ao mercado, que prezo terán as tarifas ou que limitacións de datos e roaming ofrecerán ás usuarias.

O neobanco vén apostando fortemente pola súa presenza no mercado español, onde xa ten instalados caixeiros automáticos nas rúas e aeroportos dalgunhas dass principais cidades e unha carteira de servizos que crece a un ritmo sostido.

A entrada de Revolut no mercado dos operadores móbiles virtuais (OMV) concíbese como unha forma de aumentar a súa relación diaria coa súa clientela, ofrecendo un servizo global a quen non precisa un plan complicado. E faino ademais sobre unha aplicación xa asentada no día a día finenceiro de moitas usuarias que, no seu momento, buscaron un servizo simple e sen gastos que o seu banco non lle ofrecía.

Sobre o autor

Reply