Hai apenas tres días adiantabamos que Vodafone estaba a piques de sumarse ao club das operadoras que comercializan 10 Gbps de velocidade na fibra. Un anuncio que se prevía inminente e que a operadora vén de confirmar, e con boas novas, xa que o alcance do anuncio vai moito máis do previsto.
A operadora vermella acaba de iniciar un piloto con usuarias particulares seleccionadas para probar o seu novo servizo de Fibra 10 Gbps, e faino en 282 concellos de 49 provincias, moitos máis dos que se coñecían ata o momento. Entre as cidades con presenza especialmente significativa figura Vigo.
Un piloto de tres meses para validar a experiencia
O proxecto piloto que Vodafone vén de poñer en marcha un piloto para probar o seu novo servizo de Fibra 10 Gbps durará tres meses e desenvolverase nos 282 concellos onde o servizo ten xa dispoñibilidade técnica.
A iniciativa permitirá validar a experiencia de uso, o rendemento da rede e as necesidades das usuarias antes da comercialización da Fibra 10 Gbps. Ademais, os participantes poderán probar tamén a nova tecnoloxía Wi-Fi 7.
Durante as próximas semanas, Vodafone seleccionará usuarias situadas nas zonas onde a rede xa dispón de cobertura técnica para esta velocidade. Pola sua banda, as participantes compartirán a súa experiencia durante os tres meses de proba, contribuíndo a optimizar a proposta comercial e a garantir os máis altos estándares de calidade.
Moito máis alcance do que se esperaba
Cando adiantamos a chegada dos 10 Gbps, a rede de fibra de Vodafone actualizada a XGS-PON figuraba en 11 cidades e 5 provincias. Os datos oficiais da compañía amosan agora unha realidade moi superior, xa que a súa rede de fibra de última xeración XGS-PON acada hoxe unha pegada de máis de 6,6 millóns de unidades inmobiliarias (UUII), distribuídas en 282 concellos de 49 provincias españolas, o que a consolida como unha das maiores infraestruturas de conectividade do país.
O despregamento ten unha presenza especialmente significativa en cidades como Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao, Zaragoza, Sevilla, Málaga, Valladolid, Palma de Mallorca, Las Palmas de Gran Canaria, Santa Cruz de Tenerife, Oviedo, Xixón, Alacante, Elche, Granada, Córdoba e Vigo.
A cidade olívica sitúase así no mapa da fibra de nova xeración de Vodafone, un dato especialmente relevante para quen viva na cidade. Ademais, a compañía confirmou que o despregamento seguirá expandíndose a outras cidades.
Que é a Fibra 10 Gbps e en que se basea
A nova Fibra 10 Gbps apóiase na tecnoloxía XGS-PON, que multiplica a capacidade das actuais conexións de fibra óptica e permite ofrecer velocidades ultrarrápidas tanto de descarga como de subida.
A crecente dixitalización dos fogares está impulsando unha demanda cada vez maior de capacidade de rede. O consumo simultáneo de contido en streaming en alta definición, os videoxogos en liña, o teletraballo, as videochamadas, os servizos na nube e o crecente número de dispositivos conectados requiren conexións cada vez máis robustas.
Máis aló da velocidade, a combinación de Fibra 10 Gbps e Wi-Fi 7 permitirá aos fogares gozar dunha experiencia de conectividade máis rápida, estable e preparada para o futuro.
Que vén despois do piloto
O piloto permitirá a Vodafone recoller información sobre o uso real do servizo, analizar o comportamento dos distintos equipos conectados no fogar e asegurar a mellor experiencia posible antes dunha eventual disponibilidade máis ampla.
Nada de sabe, de momento, do posible incremento no prezo final do servizo que se poida aplicar ás usuarias, que rolda os 10 €/mes noutras operadoras que xa o teñen implementado.
