O spam telefónico ten un novo límite. Desde este sábado, todas as chamadas comerciais que se realicen no Estado español deben comezar polo prefixo 400. É a última medida dunha serie de iniciativas para frear o acoso telefónico, que inclúen cambios lexislativos como a Lei de Servizos de Atención á Clientela (SAC), novas obrigas para as operadoras e un rexistro de empresas que envían SMS posto en marcha pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).
Coa entrada en vigor da nova normativa, as compañías deben contar, como mínimo, con dous números diferenciados, un para a atención ás usuarias e outro para realizar as chamadas comerciais. Para estas últimas teñen que empregar un código que comece por 400, o que permitirá á cidadanía identificalas con máis facilidade.
Ademais, as operadoras de telefonía bloquearán chamadas atendendo a determinados patróns de tráfico telefónico que permiten concluír que se trata de chamadas comerciais, como, por exemplo, un volume moi elevado de chamadas.
Os novos 400 son unidireccionais
Unha das peculiaridades dos novos números 400 é que son unidireccionais, de maneira que as usuarias só poderán recibir chamadas, e non devolvelas. Con iso garántese unha maior seguridade, evitando posibles prácticas fraudulentas que poidan producirse ao devolver unha chamada a un número descoñecido.
Por outra banda, as chamadas de atención ás usuarias (nas que unha empresa interactúa coa sùa clientela para realizar xestións no ámbito de contratos en curso) poden realizarse desde os números curtos específicos para iso, os rangos gratuítos 800 e 900 ou os números xeográficos.
As usuarias poden denunciar prácticas non axeitadas
As consumidoras que reciban unha chamada comercial desde un número que non sexa 400 (como un fixo, un 900 ou un móbil) poden denuncialo ante a Oficina de Atención ao Usuario de Telecomunicacións (OAUT), a través da páxina de denuncias da CNMC ou mediante unha reclamación á Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).
Ademais, as usuarias poden pedir á súa compañía telefónica que bloquee as chamadas procedentes de números que comecen por 400.
Todas estas medidas emanan da Lei de Servizos de Atención á Clientela, impulsada polo Ministerio de Consumo. A norma establece que as operadoras bloqueen as chamadas comerciais que non empreguen ese prefixo e que se declaren nulos os contratos realizados nas chamadas non consentidas.
A lei xa prohibía desde 2023 estas comunicacións intrusivas, pero as empresas seguiron contactando con persoas con distintas escusas: que o usuario deu o seu consentimento ao aceptar cookies nunha páxina web, que é un antigo cliente ou que non pediu eliminar os seus datos dos rexistros.
De feito, Consumo informou de que abriu un expediente sancionador a unha gran empresa de telecomunicacións que podería levar a cabo prácticas consideradas abusivas segundo esta lei. De confirmarse, as multas poderían chegar a un millón de euros por cada unha, ou entre 6 e 8 veces o beneficio ilícito.
400 millóns de intentos de spam bloqueados
O Ministerio para a Transformación Dixital puxo en marcha o ano pasado un plan antiestafas telefónicas para bloquear as chamadas que se fan desde fóra do Estado español e obrigar as empresas de telecomunicacións a ter máis control sobre as compañías sospeitosas de spam e fraudes. Segundo o departamento, este plan permitiu bloquear nun ano 400 millóns de intentos de spam telefónico e 32 millóns de SMS.
Por outra banda, o 15 de setembro a CNMC lanzou un rexistro cos códigos alfanuméricos (alias) que empregan empresas e administracións públicas para enviar mensaxes de texto (SMS), multimedia (MMS) ou enriquecidas (RCS). Así, as usuarias saben que os SMS que recibe con alias proceden da empresa ou entidade que di ser. Se hai dúbidas, pódese consultar o titular do alias no buscador da web da CNMC.
Como complemento ao plan, a industria dixital publicou esta semana a plataforma soy-yo.es, na que as usuarias poden consultar de balde para saber que empresa lles está chamando. A iniciativa xa reúne 30 grandes compañías (como Repsol, Naturgy ou Sabadell) e todas as que forman parte de CEX, que agrupa o 80% dos contact centers de España.
As asociacións de consumidoras considérano insuficiente
As asociacións de consumidoras valoran positivamente estas medidas, pero avisan de que aínda queda moito por facer. Facua sinalou que o sistema depende de que as operadoras cumpran os protocolos de bloqueo, algo que hoxe non fan ao 100%, e que o spam telefónico continúa porque hai resquicios por onde se colan chamadas.
Engade que a numeración 400 non evita que alguén chame desde un fixo ou un móbil convencional facéndose pasar por un coñecido ou por unha entrega de paquetería, e pide afinar os protocolos de control das telecos e que o Goberno os supervise máis.
A OCU cualifica a identificación das chamadas comerciais co prefixo 400 como un avance positivo, pero moi limitado. Consideran que axudará a recoñecer mellor algunhas chamadas e a xestionalas, pero non acabará co acoso telefónico, e os consumidores seguirán recibindo moitas chamadas non desexadas de quen incumpre a normativa.
DIGI etiqueta como “Chamada comercial” na pantalla
Algunhas operadoras xa se moveron para facilitar a identificación destas chamadas. DIGI amosa desde o 17 de outubro o aviso “Llamada comercial” na pantalla do móbil das usuarias cando reciben chamadas desde números que empezan por 400, para que poidan recoñecelas á primeira e decidir se queren atendelas ou non. Con isto, a operadora dá un paso máis para que a súa clientela teña maior información e control sobre as chamadas que reciben.
A medida tamén se aplica ás chamadas comerciais da propia DIGI. Por exemplo, cando unha usuaria interesada nos seus servizos pide que o operador a chame a través do botón “Te llamamos” da súa web, a chamada chegará desde un número que empeza por 400. Os números máis habituais das chamadas saíntes de DIGI serán 400 120 120, 400 120 122, 400 120 131 e 400 120 134
O aviso das chamadas comerciais súmase a outras medidas que a compañía foi incorporando, como a etiqueta de “Posible spam” implementada en agosto de 2026. De feito, a operadora asegura que ten bloqueado máis de 4,5 millóns de comunicacións fraudulentas, conforme á Orde Ministerial para combater as estafas de suplantación e comunicacións, antes de que cheguen ao teléfono das usuarias.
