Samsung presentou en xullo os seus lentes intelixentes con IA e mesmo se puideron probar nun primeiro contacto nalgún dos seus eventos de presentación. Porén, até o de agora seguen sen chegar ao mercado.
O último rumor apunta a un lanzamento en novembro, unha información que chega grazas a unha filtración publicada por SammyGuru, que tamén achega os distintos deseños creados polos socios de Samsung, Gentle Monster e Warby Parker, así como novos detalles sobre o hardware.
Snapdragon AR1 Gen 1, 2 GB de RAM e 64 GB de almacenamento
O anuncio inicial só mencionaba que os lentes funcionan con Android XR sobre un chipset Snapdragon AR1 Gen 1. A filtración engade que este chip virá acompañado de 2 GB de RAM e 64 GB de almacenamento. En autonomía, a batería dos lentes pode durar ata 9 horas, e ata 72 horas en total co estoxo de carga.

Porén, o elemento de hardware central é a súa cámara. Trataríase dun sensor de 12 MP capaz de gravar vídeo en 3K a 30 fps, que se completaría cun sistema de audio que inclúe un total de catro micrófonos e dous altofalantes de oído aberto.
Funcionarán con Gemini, a IA multimodal de Google, que entende tanto fotos coma ordes faladas. Segundo a filtración, os lentes poderán ler mensaxes en voz alta, facer tradución en tempo real ou fotografar unha pizarra e arquivar a imaxe na app de Notas, entre outras moitas cousas.
Ademais, os lentes contaránn con certificación IPX4, é dicir, resistirán a choiva lixeira. Deberían funcionar con calquera móbil Android ou iPhone, non só con dispositivos Galaxy, aínda que podería haber funcións exclusivas para Galaxy e algunhas variacións rexionais, como o soporte de Naver Maps en Corea do Sur.
O peso informado é de 41 gramos cos lentes estándar, aínda que podería variar uns gramos segundo o deseño escollido e os cristais aplicados.
26 versións a escoller
Gentle Monster deseñou seis marcos, dispoñibles en total en 16 versións con distintas combinacións de cor e lente, que inclúen
- Marco cadrado: lentes transparentes, azul claro ou grises.
- Marco redondo: lentes transparentes, marróns ou grises.
- Outro marco de aspecto cadrado: lentes grises ou marróns.
- Ollo de gato (cat-eye): lentes grises ou marróns.
- Oval fino: en negro, gris claro e lila pálido.
- Oval: en negro, burdeos e crema.




Pola súa banda, Warby Parker aporta tres estilos, chamados Alden, Reid e Wren. Wren só se ofrece en Jet Black, mentres que os outros dous teñen varias cores: Pine (verde escuro) e Saddle (vermello escuro). Cada un dos tres modelos pódese escoller con lentes transparentes ou escuras, para un total de 10 versións.
O estoxo de transporte e carga tamén se mostra na filtración para os modelos de Warby Parker.

Dispoñibilidade inicial en Corea do Sur e EEUU
Como sempre con filtracións, convén tomar os datos con cautela. Segundo a información, os deseños de Gentle Monster venderíanse en Corea do Sur e Estados Unidos, mentres que os de Warby Parker poderían estar dispoñibles só nos Estados Unidos, polo menos durante o período de lanzamento. Non hai información sobre outros países.

Polo de agora, Samsung non confirmou oficialmente a data de lanzamento, o prezo nin a dispoñibilidade final dos seus lentes Android XR. Haberá que esperar a un anuncio oficial para saber se os datos filtrados se confirman e se os lentes chegarán ao noso país e en condicións o fan.
