Telefónica, Orange, Vodafone e Deutsche Telekom únense para plantar cara a Starlink na telefonía móbil por satélite

Catro grandes operadoras europeas veñen de dar un paso inédito. Telefónica, Orange, Vodafone e Deutsche Telekom asinaron unha carta de intencións para estudar unha posible puxa conxunta na futura asignación de espectro para Servizos Móbiles por Satélite (MSS) en Europa.

O obxectivo de fondo é construír unha alternativa europea para os servizos de conexión directa ao dispositivo (Direct-to-Device, D2D), un mercado hoxe dominado por solucións non europeas como a de Starlink, que algúns operadores do continente empregan na actualidade.

Que é o espectro MSS

O espectro MSS é o conxunto de frecuencias reservadas para que os satélites se comuniquen directamente cos teléfonos móbiles. Quen o controle poderá ofrecer cobertura satelital aos usuarios sen necesidade de antenas especiais, un servizo cada vez máis relevante para chegar a zonas sen cobertura terrestre e para manter as comunicacións cando as redes habituais fallan.

Na nota que os catro operadores asinan de forma conxunta non se cita ningunha empresa en concreto, pero o contexto é claro, xa que Europa busca ter unha opción propia nun terre no que hoxe en día depende en boa medida de provedores de fóra.

Por iso esta iniciativa vén a respaldar o obxectivo da Comisión Europea de reforzar a soberanía e a seguridade deEuropa en infraestruturas críticas de conectividade, e busca garantir unha gobernanza europea responsable de infraestruturas espaciais clave.

Segundo os catro operadores, o proxecto pretende responder ás necesidades de dar cobertura universal en zonas con servizo insuficiente; reforzar a resiliencia das redes públicas; protexer as comunicacións críticas e apoiar o desenvolvemento dunha constelación europea.

Acceso aberto e non discriminatorio para todos os operadores

Un dos elementos máis destacados da proposta é que ofrecerá a todos os operadores de redes móbiles un acceso aberto e non discriminatorio para prestar servizos D2D ás súas respectivas clientelas. O modelo está pensado para fomentar a competencia, reducir a fragmentación do mercado e ampliar a oferta dispoñible para as consumidoras en toda Europa.

Ao combinar o alcance comercial, as capacidades de rede e a experiencia operativa dos catro grupos, a iniciativa podería acelerar o despregamento no mercado, permitir un uso eficiente do espectro e facilitar a integración fluída da conectividade por satélite nas redes móbiles existentes.

Como parte do proxecto, os catro operadores prevén despregar en Europa a infraestrutura terrestre clave, así como as funcións críticas de coordinación e supervisión. Pola contra, non investirán directamente nunha constelación de satélites, unha parte fundamental que sería aportada por un socio satelital aínda por seleccionar.

A alianza entre a iniciativa liderada polos operadores móbiles e o operador de satélites combinaría a gobernanza europea e o acceso ao mercado cunha tecnoloxía satelital probada e experiencia en despregamento.

Unha carta de intencións, non un acordo definitivo

Malia a súa importancia, convén ter claro o alcance real do anuncio. Trátase só dunha carta de intencións para estudar unha posible puxa conxunta, non dun compromiso pechado nin dunha constelación xa en marcha. Ademais, a nota deixa claro que esta iniciativa non substitúe as alianzas satelitais xa existentes de cada operador.

Con todo, a mensaxe é relevante, xa que implica que catro dos maiores operadores do continente (tres dos cales operan no Estado español) comezan a coordinarse para que Europa teña voz propia na próxima xeración de conectividade móbil por satélite.

Sobre o autor

Reply