HMD podería ampliar en breve a súa familia Vibe 2 cun novo modelo chamado Vibe 2 Max. O filtrador @smashx_60 compartiu na rede social X varias imaxes renderizadas e unha lista completa de especificacións. E, como indica o seu nome, o teléfono situaríase por riba do HMD Vibe 2 Pro 5G, que chegou á India a finais de setembro.
Segundo a filtración, o Vibe 2 Max estaría construído arredor dunha pantalla IPS LCD FHD+ de 6,78 polgadas, con taxa de refresco de 120 Hz e un brillo máximo de 1.500 nits. O tamaño de pantalla e a taxa de refresco coinciden cos do Vibe 2 Pro 5G.
No seu interior, o Vibe 2 Max contaría cun procesador diferente. Segundo a filtración, empregaría o modelo Unisoc T9100 a 2,7 GHz, acompañado de 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento. En comparación, o Vibe 2 Pro 5G funciona co MediaTek Dimensity 6300 e ofrece ata 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, polo que o modelo Max duplicaría o almacenamento dispoñible.
As cámaras poderían ser outra diferenza importante entre ambos os modelos. A filtración apunta a un sistema formado por unha cámara principal de 108 MP e un sensor secundario de 8 MP na parte traseira, xunto cunha cámara frontal de 50 MP. Ademais, o teléfono admitiría gravación de vídeo en 4K a 30 fps.
O Vibe 2 Pro 5G, pola súa banda, conta cunha cámara principal Sony IMX682 de 64 MP, unha cámara macro de 2 MP e unha cámara para selfies de 13 MP, con gravación de vídeo limitada a 1080p a 30 fps.

O que comparten: batería de 6.000 mAh e carga de 33W
Ambos os modelos parecen compartir as mesmas especificacións de batería e carga. O Vibe 2 Max figura cunha batería de 6.000 mAh e carga rápida por cable de 33W, e viría con Android 16.
Outras características que se mencionan na filtración son a resistencia ao po e á auga IP64; conectividade con Wi-Fi 6, 5G, NFC e Bluetooth 5.2; e lector de pegads baixo a pantalla.
Tres modelos e moito por confirmar
As imaxes renderizadas filtradas amosan o HMD Vibe 2 Max en negro, vermello e verde. As tres versións contan cun módulo de cámara rectangular na esquina superior esquerda, con dúas lentes e flash LED.
Polo de agora, HMD non anunciou o Vibe 2 Max, e a filtración tampouco revela o seu prezo, a súa data de lanzamento nin os mercados aos que estaría destinado. Como en toda filtración, convén tomar estes datos con cautela ata que a compañía os confirme oficialmente.
