Máis aló dos smartphones, Xiaomi continúa a acrecentar o seu catálogo de dispositivos e gadgets tecnolóxicos, desta vez coa incorporación dun novoaltofalante Bluetooth compacto que, ademais de reproducir música, funciona como soporte magnético para o teléfono móbil.
Trátase dn produto pequeno, que apenas pesa 95 gramos, e pensado máis para a practicidade diaria que para a potencia, que combina Bluetooth 6.0, iluminación RGB e resistencia á auga e ao po segundo a certificación IP67.

No apartado sonoro, o altofalante incorpora un controlador de rango completo de 1,5 polgadas cunha potencia de 3 W, e é compatible cos códecs AAC e SBC. Tamén admite emparellamento estéreo TWS, que permite combinar dúas unidades como un par estéreo, e poden conectarse ata dez altofalantes para montar unha configuración multialtofalante máis ampla.
Porén, o gran atractivo está na súa base magnética, que incorpora un sensor Hall para detectar cando se acopla un teléfono compatible. Ao colocar o móbil, o altofalante acéndese automaticamente; ao retiralo, entra en suspensión.
No apartado de deseño, atopamos na parte superior un anel metálico encartábel que fai de asa de transporte e de soporte, e que, ademais, permite colocar o móbil en horizontal ou en vertical. Na base do altofalante, un anel de luz RGB reacciona á música que se reproduce.
A enerxía procede dunha batería de 650 mAh que, segundo Xiaomi, ofrece unhas 4 horas de reprodución continua cunha carga completa, que se realiza por USB-C.

Máis aló das cifras, a proposta apunta á practicidade. Unha saída de 3 W e unhas 4 horas de autonomía son datos modestos, pero van acompañados de funcións pensadas para o uso diario.
Prezo, cores e dispoñibilidade
O novo altofalante magnético véndese actualmente en China en gris escuro e marrón claro. O seu prezo é duns 26 euros ao cambio.
Por agora, Xiaomi non anunciou a súa dispoñibilidade global, polo que a súa chegada a outros mercados, incluído o galego, segue sen confirmarse.
