Seis anos despois de vender Honor, Huawei prepararía unha nova submarca

Hai xusto seis anos, en novembro de 2020, Huawei tomou unha decisión drástica para garantir a supervivencia da súa filial, completando a venta da totalidade de Honor a consorcio de distribuidores chineses.

A operación permitiu a Honor volver comprar chips e compoñentes occidentais sen o peso das sancións, pero deixou á matriz de Shenzhen sen un motor para competir na gama media e no volume de vendas. Seis anos despois, as filtracións apuntan a que Huawei está a punto de repetir a xogada cunha nova submarca.

A necesidade dunha nova submarca

O indicio máis claro deste movemento chegou cando Richard Yu comentou que Huawei levaría a súa nova arquitectura LogicFolding a máis móbiles. O motivo de fondo da necesidade de contar cunha nova marca é puramente económico, xa que manter o desenvolvemento de chips propios e a expansión do seu ecosistema esixe un nivel de vendas que a matriz non pode absorber en solitario.

As filtracións máis recentes da cadea de distribución sinalan que esta segunda marca podería debutar co nome Xingyao (traducido como “starlight”) ou ben adoptar a denominación Starburst. Os primeiros rexistros de imaxe amosan unha tipografía con relevo metálico que lembra aos orixes de Honor.

Tamén se rumorea que os dispositivos da submarca comercializaranse exclusivamente por canles en liña, reducindo intermediarios para conter o prezo sen deteriorar a rendibilidade. Iso si, non se agardan móbiles de baixo custe, xa que a crise das memorias está impedíndoo, con prezos nas compoñentes sen precedentes.

O primeiro modelo chegaría coa pantalla ancha do Pura X View

Segundo apunta a rumoroloxía, a gran baza da nova marca sería democratizar a pantalla “de moda”. Lonxe de estrearse cun terminal convencional de baixo custo, a información sinala que apostaría polo factor de forma máis comentado do catálogo chinés, ese novo formato máis ancho que debutou primeiro nos móbiles encartábeis..

Segundo detalla o filtrador Digital Chat Station, o O1 Pro (nome provisional) replicaría a experiencia do Huawei Pura X View, aínda que con algúns recortes. Contaría cunha pantalla plana de 6,39 polgadas, con relación de aspecto 16:9,5, resolución 1,5K e marcos de 1,05 mm. O panel sería tipo LTPS, sen taxa de refresco adaptativa (LTPO).

Do resto de características tamén se coñecen algúns datos, que apuntan a un procesador Kirin 9020 con 12 ou 16 GB de RAM; almacnamento desde 256 GB a 1 TB e cámara traseira de 50 MP.

O punto máis diferencial estaría na autonomía, onde se apunta a unha batería superior aos 7.000 mAh con carga rápida de 100W, consolidando nesta submarca a densidade enerxética que os fabricantes asiáticos están estandarizando grazas ao silicio-carbono.

Aínda hai que esperar

Con esta información xa adiantada, haberá que ver se finalmente se fai oficial e se consegue captar nova adeptas nun contexto tensionado pola inflación nos prezos das memorias e unha oferta excesivamente ampla para as usuarias.

Levantar de novo unha marca máis barata pode ser a panca que garanta que o software alcance a masa crítica que esixe o mercado global. E, de paso, seguimos agardando a que HarmonyOS desembarque nos teléfonos de Huawei vendidos fóra de China.

Sobre o autor

Reply