Acer anunciou esta mañá as súas novidades no marco do IFA de Berlín nun evento no que a compañía de orixe chinesa volveu amosar a súa aposta polos Chromebooks, co novoa Chromebook R13, así como por terminais aptos para todo tipo de petos.
Chromebook R13
O Chromebook R13 é a seguinte xeración do R11, presentado hai agora un ano. Con este dispositivo a marca aposta por unha pantalla de 13,3 polgadas e resolución FullHD que podemos mover a diferentes posicións, mesmo para usar como tablet, segundo as nosas necesidades.
No seu interior atopámonos un procesador M8173C Core Pilot, de catro núcelos, xunto con 4 GB de memoria RAM e opcións de 16, 32 ou 64 GB de memoria interna. A batería ten unha capacidade que permite 12 horas de autonomía, e conta tamén con wbcam HD, porto USB 3.0 e HDMI, todo iso concentrado en 1,49 kg.
O Chromebook R13 venderase nos Estados Unidos e Europa a partir de 399 €.
Acer Liquid Z6 / Z6 Plus
No que ten a ver cos teléfonos, Acer anunciou os Liquid Z6 e Z6 Plus, dispositivos semellantes no estético pero con pequenas variacións no seu hardware.
O Liquid Z6 vén con pantalla de 5 polgadas e cristal curvado 2,5D. No seu interior leva un procesador MT6737, 1 GB de RAM, 8 GB de memoria interna e unha cámara principal de 8 megapíxeles.
Pola súa banda, o Z6 Plus sube até as 5,5 polgadas FullHD e incorpora un procesador MT6735, 3 GB de memoria RAM, 32 GB de almacenaxe interna, cámara princiapl de 13 megapíxeles, batería de 4080 mAh e lector de pegadas dixitais.
En canto a dispoñibilidades e prezos, o Z6 chegará a Europa en novembro por 119 €, mentres que o Z6 Plus faráo en decembro por 249 euros.
Acer Iconia Talk S
Xa por último, Acer presentou o Iconia Talk S, un modelo con pantalla de 7 polgadas e resolución HD, procesador MediaTek MT8735, 2 GB de memoria RAM e cámara de 13 megapíxeles.
Este modelo está programado para pórse á venda no mes de setembro por 169 euros.
Que vos parecen as novidades de Acer nesta feira?