Probamos a rede 4G de Vodafone, xa dispoñíbel na Coruña

2013-10-24 10.28.08-1

Malia haber probas piloto como as de móbilR (1 e 2), a primeira operadora en ofrecer 4G de xeito comercial en Galiza é Vodafone, que o pasado mes de setembro activaba esta tecnoloxía en varias estacións base (antenas) da cidade da Coruña, iniciativa secundada por Orange, quen asegura ter cuberta dita cidade e arredores (aínda que sen ofrecer datos concretos), e proximamente por Yoigo / Movistar (comparten rede), algo que está previsto para novembro / decembro.

Nos próximos días prevese que estén activas as redes 4G de Vodafone en Vigo; sobre outros operadores e cidades (as 7 grandes, o resto do territorio galego terá que agardar) a información comeza a ser cada vez máis supérflua, polo que non estamos en condicións de ofrecer datos concretos.

Estas semanas estivemos a probar a rede 4G de Vodafone na Coruña, mais antes de entrar en detalles cómpre que nos situemos:

  • Que é o 4G? Son as redes de cuarta xeración de telefonía móbil, que melloran sustancialmente a velocidade. A rede de Vodafone podería acadar velocidades teóricas de 150 / 50 Mbps, bastante por riba dos teóricos 43,2 Mbps de baixada de 3G-DC, a tecnoloxía máis rápida da xeración previa.
  • Que se necesita para usar as redes 4G? Ter unha tarxeta SIM de 88K e un teléfono compatíbel con esta tecnoloxía. A meirande parte dos gama alta de Android levan 4G.

Para as nosas probas empregamos dous terminais Android, un HTC One e un Sony Xperia Z1, ambos dispositivos compatíbeis con esta tecnoloxía cos que conseguimos un comportamento de rede moi semellante.

Desde o primeiro momento que nos conectamos ás redes 4G desexaríamos que as conexións móbiles fosen así. Quen vai dicir que non a ter unha maior taxa de transferencia? É certo que este tipo de conexións destacan cando temos que transferir arquivos de gran tamaño (por exemplo, baixar unha chea de fotos, enviar un vídeo en HD…), pero tamén ao levar a cabo outro tipo de accións cotiás, como a simple visualización dun vídeo por streaming de YouTube que carga practicamente de inmedianto ou cargar fotografías de 20 megapíxeles e 6 MB sen apenas decatarse.

A cobertura por zonas.

Aínda que nas zonas céntricas da Coruña podemos estar conectados á rede 4G, esta non penetra apenas no interior dos locais. Así mesmo, nótase bastante diferenza cando andamos en rúas amplas ou prazas e cando pasamos a rúas máis pequenas, no que cambiaremos a 3G.

Fixemos probas de navegación e tests de velocidade por toda a cidade, sendo o máis habitual conseguir taxas de transferencia de 37-50 Mbps para a baixada e 10-25 Mbps en subida. As seguintes capturas son, por esta orde, da zona do Gadis de Elviña, arredores do Estadio de Riazor e Obelisco – Rúa Real.

4G Vodafone Coruña Gadis Elviña

4G Vodafone Coruña Riazor

4G Vodafone Coruña Rúa Real

Tamén tivemos a oportunidade de estar un día en Madrid e probar in situ o 4G que gastan por aló. Na zona da gran Vía o habitual era situarse nos 60 Mbps de baixada.

4G Vodafone Madrid

O que si atopamos é que, malia os resultados positivos de velocidade (aínda que bastante por baixo dos teóricos 150 Mbps), as latencias eran, polo xeral, mellorábeis, sendo o tópico que quedasen arredor dos 50 ms, 20 por riba do estimábel. Pola nosa parte consideramos que sen dúbida este sería o aspecto que máis urxe optimizar

Precisamos 4G?

Rotundamente si. É certo que temos moitas eivas de cobertura, que o 3G non chega a todos os lados e que seguramente moita xente preferiría ter mellor cobertura 3G ca 4G en lugares puntuais. Pero iso non quita que todo o que trae o 4G son vantaxes e que o que se debera pular é porque esta tecnoloxía chegue ao maior número de localizacións posíbeis, xa que sen lugar a dúbidas é a alternativa de conexión máis viábel para aqueles lugares nos que non hai forma de levar Internet por fibra óptica (léase, o rural).

Outro aspecto que debemos ter en conta é que andar cun dispositivo con 4G fainos ser máis devoradatos. O feito de ter moitísimas máis posibilidades nos nosos smartphones cunha rede máis rápida fai que tendamos a usalos para moitas máis cousas, o que fará que consumamos maior cantidade de datos sen apenas decatarnos.

En definitiva, o 4G de Vodafone é unha tecnoloxía que mellora notabelmente a nosa experiencia móbil e, malia precisar de melloras (extensión de cobertura, menor latencia, tarifas de datos máis extensas en MB), fará que unha vez probada non queiramos navegar a velocidades inferiores nunca máis.

Aproveitamos para agradecer a Vodafone o préstamo dun terminal e unha tarxeta SIM para facer as probas.

 

Sobre o autor

No Responses

Reply