Analizamos o Samsung Galaxy Gear

galaxy note 3 + gear

Os wearables, a tecnoloxía para levar posta, xa non é cousa do futuro. Moitas e variadas son as opcións que se nos ofrecen, mais se cadra unha das opcións máis extendidas son os reloxos intelixentes. Xa pasaron polas nosas mans 2 dispositivos de Sony e hoxe tócalle a quenda ao Galaxy Gear, o primeiro smartwatch da coreana Samsung.

Deseño, acabado e conexión

O Galaxy Gear chama a atención polo seu deseño diferente, bonito ou non é cousa de gustos, pero a verdade é que na man vese elegante. A pantalla fica rodeada dun maco metálico fixado por 4 parafusos nas esquinas e un único botón no lateral dereito que servirá para acendelo. No lateral esquerdo ten un pequeno micrófono e a correa, que está integrada no reloxo, incorpora unha cámara para sacar fotos.

Na parte posterior ten uns pins de conexión, que servirán para cargar o smartwatch. Neste senso, chama a atención como é o cargador: trátase dun marco superposto que fixa o reloxo. Á súa vez, este ten unha entrada microUSB para conectar á corrente. Este marco de carga tamén é o lugar no que está o sensor NFC que facilita a sincronización, aínda que non é necesario, posto que se pode facer manualmente co Bluetooth.

Pantalla

A pantalla é un panel AMOLED de 1,63 polgadas e resolución 320 x 320. A diferenza do que acontecía co smartwatch de Sony, o Galaxy Gear non mantén permanentemente a pantalla acesa, senón que, cun xiro de pulso, facemos que se active, aforrando ter que clicar no botón. Este xesto é moi cómodo, posto que non resulta forzado: o simple movemento natural de ir mirar a hora xa a activa.

Faise algo pequena cando usamos o teclado numérico para marcar un número para facer unha chamada, pois temos que ser precisos para non errar. Porén, a meirande parte dos usos do trebello non necesitan esta precisión e acaba resultando abonda.

No que ten a ver co seu brillo, non achamos problemas para disfrutar dela en calquera condición lumínica; mesmo co sol de fronte vese perfectamente.

Modo de funcionamento e widgets.

Tras a vinculación do dispositivo co teléfono (polo de agora é compatíbel coas gamas altas de Samsung) directamente con NFC ou de xeito manual co Bluetooth, o trebello pasará a ser administrado desde a aplicación Gear Manager, dispoñíbel na tenda de aplicacións de Samsung.

menus gear

Esta aplicación é a ferramenta básica de control, xa que nela podemos configurar o reloxo que queremos que se amose e instalar / administrar as aplicacións deseñadas para o Gear. Así mesmo, desde ela tamén podemos configurar que tipo de notificacións queremos que o teléfono traslade ao dispositivo, entre as que están a alarma e chamadas, ademais das notificacións da práctica totalidade de aplicacións que xeran notificacións no noso smartphone, como Dropbox, Facebook, Foursquare, Gmail, Twitter, Instagram, WhatsApp, etc.

Pasando xa ao dispositivo en si, o seu uso é moi intuitivo. Como dixemos anteriormente, a pantalla actívase co xesto de xirar o pulso para mirar a hora ou premendo o botón físico. Para moverse entre os diferentes menús desprazarémonos movendo o dedo cara calquera dos lados desde a pantalla inicial; así mesmo, se movemos o dedo cara abaixo activaremos a cámara, cara abaixo o teclado de marcación para chamar.

As notificacións avisan do remitente (por exemplo, Twitter diche que tes unha mención de “@fulanito” e Gmail un correo de “Mengano DeTal”), e clicando nelas poderemos acceder ao contido. Se ben é certo, para responder debemos ir ao smartphone. Isto pode non ser todo o cómodo como se desexaría, pero abonda para saber se realmente urxe sacar o móbil do peto ou pode esperar.

galaxy gear hangouts

Cámara

O Galaxy Gear incorpora unha cámara de resolución 1,9 megapíxeles coa que se poden facer fotos ou gravar vídeos, unha funcionalidade moi interesante para cando precisamos sacar unha foto rapidamente e non nos dá tempo a sacar o móbil do peto. Así mesmo, tamén se poden facer as fotos con son (sound & shot) que levamos visto en todos os dispositivos de alta gama de Samsung desde o Galaxy S4.

Aínda que a postura para sacar unha foto é un tanto peculiar (poderíamos dicir que indiscreta porque parece que leváramos unha cámara oculta) o certo é que o dispositivo encárgase de delatarnos cun son de obturador de bastante volume (absterse candidatos a espías).

Deixámosvos un par de mostras das imaxes tomadas con el:

2013-11-24 17.37.18

2013-11-30 13.33.31

Batería

A batería é de 315 mAh, que en condicións de uso normal e con todas as notificacións activas dá para día e medio, dous días se apenas andamos con el. Neste senso, malia que ser un punto mellorábel, ten ao seu favor que a carga faise rapidamente: en apenas 20 minutos o dispositivo estará case cargado para seguir usándoo.

Conclusións

Logo de botar un par de semanas usando intensivamente o trebello vólvese case imprescindíbel; resulta moi cómodo non ter que sacar o móbil do peto para consultar as notificacións. Así, poderemos, por exemplo, estar nunha biblioteca, ter o noso smartphone en silencio e ver no pulso quen nos chama ou envía unha mensaxe polo WhatsApp.

No apartado técnico, o seu procesador de 800 MHz e os seus 4 GB resultan abondos, pois aínda que se almacenan cousas na súa memoria o multimedia tamén se transmite ao smartphone por Bluetooth nada máis se produce.

galaxy gear chamada

A posibilidade de usar o Gear para falar por teléfono é algo ao que non se lle saca todo o partido que se podería; porén, pode sacarnos dun apuro se, por exemplo, estamos conducindo e recibimos unha chamada. Grazas á incorporación deste micrófono podemos empregar comandos de voz (falarlle ao relexo), que nos facilita a labor de realizar buscas ou ordear chamadas, algo que realiza a través de S Voice, o Siri de Samsung.

Outro aspecto mellorábel que imaxinamos terán en conta en próximas versións é a resistencia á auga, que se ben é certo que soporta as salpicaduras que se poden producir ao lavar as mans (IP 55) non é sumerxíbel, polo que teremos que ter coidado de non meternos na ducha con el.

O Samsung Galaxy Gear está á venda por 299 € en 6 cores diferentes.

Sobre o autor

No Responses

Reply