Gmail 5.0 xa está dispoñíbel: importante lavado de cara e novas funcionalidades

gmail 5.0

Desde hai tempo sabiamos dos novos plans de Google para Gmail, cunha nova versión que inclúe un redeseño estético total, adaptado ao novo Material Design, e novas funcionalidades, como a posibilidade de empregarmos contas de outros servizos de correo, como Outlook ou Yahoo.

Así e a todo, hai uns días descubrimos Inbox, unha nova aplicación complementaria a Gmail que pretende axudarnos a manexar mellor os nosos emails, organizándoos automaticamente en diferentes categorías, unha ferramenta amada por moitos e detestada por outros tantos, polo cambio de concepto que supón sobre o que coñeciamos.

En calquera caso, Gmail xa lanzou a actualización á versión 5.0 que integra todas as novidades das que viñamos falando. O principal é, por suposto, o lavado de cara, que comeza na icona. Dentro da aplicación, temos un menú máis sinxelo e vistoso, personalizado coa imaxe de cabeceira que teñamos no noso perfil de Google, e un botón de redacción de novo correo flotante.

A barra lateral de menú lémbranos moito á que vimos cando probamos Inbox. Se temos configuradas varias contas veremos que a xestión do correo é moito máis visual, coñecendo de xeito vistoso o número de correos dispoñíbeis. Os axustes sitúanse ao final deste menú, moi lonxe se empregamos infinitas etiquetas, como é o noso caso. Neste eido non atopamos diferenzas co Gmail da versión anterior, ademais do xa falado cambio estético.

A renovación da aplicación complétase cun widget de escritorio e accesos directos a etiquetas contretas, unha opción á que lle podemos sacar moito partido se somos dos que temos configuradas regras de (auto)organización do correo entrante.

Gmail 5.0 irase despregando ao longo das próximas horas / días aos nosos trebellos Android. Se non queredes agardar, podedes descargar a aplicación desde esta ligazón (verificada) e instalala manualmente, tendo en conta a necesidade de ter activadas as orixes descoñecidas.

Chegará tamén este cambio estético á versión escritorio?

No Responses

Deixa un Comentario