HTC Desire 530 e Desire 825, inspirados na moda urbana

HTC ten complicado saír do buraco no que está metido, mais segue a dar a batalla. Durante o Mobile World Congress non anunciaron o seu novo terminal de referencia, mais levaron a Barcelona dous novos dispositivos de gama media, os Desire 530 e Desire 825, inspirados na moda urbana, algo que se evidencia na parte traseira dos dispositivos.

htc desire 825 - 1

Están dispoñíbeis en diversas cores e acabados, mais para aumentar as posibilidades de personalización tamén se crearon fundas de dúas tonalidades e unha cinta para poder levar o móbil como se fose un bolso, así como 25.000 temas para mudar o fondo.

A compañía fixo un esforzo especial por potenciar a experiencia selfie, incorporándolles unha cámara frontal de 5 megapíxeles, activábel por voz. No Desire 825 inclúese ademais un modo de maquillaxe ao vivo, para facer retoques antes de tomar a foto. Varían tamén as cámaras traseiras, 8 megapíxeles no caso do Desire 530, 13 no Desire 825.

htc desire 825 - 2

En canto ao resto de especificacións, destacan as seguintes:

  • Desire 825: pantalla de 5,5 polgadas (HD 720p), procesador Qualcomm Snapdragon 400 (4 x 1,6 GHz), 2 GB de RAM, 16 GB memoria interna (+ microSD até 2 TB), 4G, 2700 mAh de batería e Android 6.0.
  • Desire 530: pantalla de 4 polgads (HD 720p), procesador Qualcomm Snapdragon 210 (4 x 1,1 GHz), 1,5 GB de RAM, 16 GB memoria interna (+ microSD até 2 TB), 4G, 2200 mAh de batería e Android 6.0.

O HTC Desire 530 chegará ao noso país a comezos de abril, mentres que polo HTC Desire 825 haberá que agardar até o mes de maio. De momento do prezo non sabemos nada.

No Responses

Deixa un Comentario