Acer anuncia a nova Acer Iconia Tab 10

Acer vén anunciar nova tableta Android, a Acer Iconia Tab 10. Trátase dun dispositivo con pantalla de 10 polgadas que destaca especialmente polo seu sistema de son, ao incluír catro altofalantes frontais Acer Quadio con tecnoloxía DTS-HD Premium Sound, deseñados para disfrutar dunha experiencia de ocio e multimedia superior.

O dispositivo incorpora unha pantalla IPS Full HD de 10,1 polgadas, e no seu interior temos un procesador firmado por MediaTek, concretamente o modelo MT81163A, con catro núcleos e arquitectura de 64 bits. Está acompañado dunha memoria RAM de 2 GB e 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD noutros 128 GB adicionais.

A súa batería promete 8 horas de uso  intensivo, e no apartado multimedia, ademais dos xa nomeados catro altofalantes cabe destacar o soporte para auriculares 5.1, o que fai posíbel unha experiencia sonora máis envolvente. Sumado a isto, no lateral do trebello temos unha tecla chamada “MediaMaster”, que permite ás usuarias seleccionar en todo momento a mellor configuración de audio e son nos distintos modos de uso.

acer iconia tab 10

Complementan as súas especificacións técnicas unha cámara frontal de 2 megapíxeles e unha traseira de 5 Mpx, ademais da conectividade sen fíos a través de WiFi (802.11a/b/g/n) e o conector microHDMI para poder enchufar a tablet a outra pantalla externa.

Como sistema operativo leva Android 6.0, sen apenas personalizacións do fabricante, máis aló dalgunha que outra aplicación adicional ou de regalo, como unha suscrición a Pocket pro. Sen dúbida, o máis destacado neste eido é a presenza de Acer EZ, unha aplicación exclusiva deste modelo que permite ás usuarias ampliar a interface, así como o tamaño da fonte, de maneira que resulta máis sinxelo ler detalles nun texto ao tempo que axuda á aquelas persoas que teñen dificultades visuais, dado que poden ver imaxes e iconas máis grandes.

A nova Acer Iconia Tab 10 estará dispoñíbel no noso país ao longo do terceiro trimestre do ano por 199 €.

Deixa un Comentario