Galaxy Tab S5e, a nova tablet de Samsung

O venres da semana pasada Samsung anunciou por sorpresa o lanzamento dunha nova tablet, a Samsung Galaxy Tab S5e. Trátase dun modelo renovado que destaca polo seu deseño fino e lixeiro, e por ofrecer unha boa experiencia de entretemento multimedia.

Fabricada en metal e dispoñíbel en tres cores (negro, prata e dourado), a nova tablet de Samsung ten tan só 5,5 milímetros de grosor e un peso de apenas 400 gramos, o que non lle impide ter unha gran autonomía que pode acadar as 14,5 horas grazas á súa batería de 7040 mAh, que ademais dispón de carga rápida.

A pantalla e o son son dous aspectos que destacan neste novo trebello do fabricante surcoreano. Así, integra un panel SuperAMOLED de 10,5 polgadas con formato 16:10 que ocupa case todo o frontal, mentres que no son temos tecnoloxías como Dolby Atmos e AKG para conseguir unha experiencia superior. Para potenciar estes aspectos, Samsung agasalla con catro meses de YouTube Premium e 3 meses de Spotify Premium ás usuarias que merquen a tablet.

O seu procesador é un modelo octacore de 64 bits (2 x 2.0 + 6 x 1,7 GHz), e terá dúas opcións de memorias: 4 +64 GB ou 6 + 128 GB, en ambos casos ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 512 GB. As cámaras son de 13 e 8 megapíxeles, para principal e frontal, respectivamente, e dispón de USB 3.1 tipo C, sensor de pegadas dixitais, Bluetooth 5.0 e WiFi de dobre banda.

Aínda que o seu prezo non trascendeu, o que si sabemos é que chegará ao mercado no mes de abril.

Sobre o autor

Reply