Probamos o Xperia S, o terminal para os amantes da fotografía

O reinado na gama alta de Android está reñido: cada fabricante ten o seu terminal tope de gama e cada un destaca nun aspecto: cámara, son, software… polo que a decisión de facerse cun ou outro vai máis na liña de escoller por deseño ou por aquelas características que máis imos empregar.

O Xperia S naceu como terminal de referencia despois da unificación que sufriu Sony, concentrando tamén a parte que correspondía a Ericsson, nunha única división: Sony Mobile (Sony, comercialmente falando). Moitos non lembraredes que Sony non foi sempre Sony Ericsson. De feito, a seguinte imaxe amosa un dos terminais da época anterior, para que vexades a evolución. A foto non sería posíbel sen os amigos de Hardgalicia que tiñan na súa tenda ese dispositivo.

Deseño e acabado

O primeiro que nos chama a atención do terminal é a súa forma, con cortes rectos, que permiten incluso que se poida manter vertical sobre a base. As súas dimensións son 128 x 64 x 10,6 mm, cun peso de 144 gramos.

O acabado é en materiais plásticos, e destaca a liña transparente da parte inferior, a través da cal se pode ver. Un detalle bastante interesante para o seu deseño e que se complementa con efectos lumínicos nunha actualización de software que acaba de recibir (no momento de probalo non estaba actualizado).

A tapa posterior do terminal é extraíbel, pero unicamente para insertar a microSIM (si, leva a típica SIM máis pequena da habitual). A batería, sen embargo, non é extraíbel, algo que a min particularmente non me convence demasiado, porque xa sabemos que as baterías dos smartphones duran o que duran e sempre pode ser interesante ter unha batería intercambiábel. Como dicimos, isto non é posíbel no Xperia S, así que podemos facer algunha das cousas que comentamos nesta entrada se queremos aforrar enerxía.De todos os xeitos, ten unha capacidade de 1750 mAh que permiten acabar o día usándoo intensamente sen que se nos esgote.

Pantalla e conexións

A pantalla do Xperia S é unha LED de 4,3 polgadas cunha resolución de 720 x 1280 píxeles. Grande, pero non enorme, un tamaño que a min particularmente me gusta bastante e me resulta cómoda para a a lectura. A calidade das imaxes é moi boa, coas cores ben definidas e visíbeis mesmo en ambientes con moita luz.

As conexións do terminal son microUSB (para carga e conexión), miniHDMI (para multimedia) e o jack 3.5 para os cascos de audio. Ademais conta con botón de acendido/control de pantalla, botóns de subir/baixar volume e un acceso directo ao disparo da cámara.

Dispón de chip NFC que puidemos probar para facer algunhas cousas, aínda que sen dúbidas unha das funcionalidades máis interesantes son as Smart Tags de Sony, que non puidemos probar desta vez pero que xa víramos como funcionaban no Mobile World Congress.

Sistema operativo

No momento de probalo, o terminal contaba con Gingerbread (Android 2.3), cunha capa de personalización de Sony. Sen embargo, xa está lanzada a actualización a Ice Cream Sandwich, polo que se o mercas agora pode que xa veña coa nova versión do sistema operativo ou que se actualice nada máis acendelo.

Cámara

Sen lugar a dúbidas o punto máis forte deste terminal é a cámara. Conta con dobre cámara, unha frontal de calidade básica e unha traseira que podemos tildar de excelente. Ten 12 megapíxeles, con flash LED e sensor Exmor R para poder tomar fotos en condicións complicadas, como lugares escuros, interiores ou no solpor.

Ofrece numerosas posibilidades e opcións, pero o mellor é deixarvos algunhas mostras para que vexades.

Detalle exteriores (Illas Sisargas)
Detalle preto (roseira)
Detalle preto (herbas)

A gravación de vídeo é en HD 720p, se queredes ver unha mostra da súa calidade recomendámosvos que vexades o unboxig do Galaxy S III, pois foi feita co Xperia S.

Conclusións

Podemos concluír que estamos a falar dun terminal excepcional, unha das mellores apostas que hai hoxe en día no mercado dos smartphones Android. Poderíamos dicir que sería o terminal ideal a escoller por aquelas persoas ás que lles gusta ter unha cámara sempre no peto, porque conseguirán uns resultados óptimos de imaxe.

O seu procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz fai ademais que sexa un terminal potente e que vai moi fluído aínda que requiramos moitos usos simultáneos á vez.

Aproveitamos para agradecer a Sony o préstamo deste terminal para ter podido facer a análise.

Sobre o autor

Reply