Analizamos a Archos Gamepad 2

archos gamepad 2

Con tanta opción de tablet que temos á nosa disposición no mercado, a diferenciación é a chave para poder abrirse un oco. É o que pensaron en Archos ao desenvolver a serie Gamepad, tablets que, malia posuír todas as funcionalidades típicas de calquera trebello destas características, está deseñado para xogar. A Gamepad 2 é o segundo dispositivo desta serie, e vén de pasar pola nosa mesa de análise.

Deseño, acabado e conexións

archos gamepad 2 family guy

Un primeira ollada ao deseño da Gamepad 2 evidencia que estamos ante unha tablet concebida para xogar. A súa forma, con marcos anchos para que as mans non tapen a pantalla, a situación das botoneiras… todo leva a que exista unha única forma lóxica de suxeitar a tablet con comodidade, empregando as dúas mans.

archos gamepad 2 mandos dereita

Na parte frontal atopamos practicamente todo o que precisamos para xogar: dous joysticks analóxicos, un a cada lado da pantalla, a cruceta, na parte esquerda, e os botóns A, B, W, X na dereita. Tamén temos uns disimulados botóns “select” e “start” e os altofalantes. Xa na parte superior situamos os gatillos, pensados para xogos de acción, os botóns de acendido/apagado e control de volume, un micrófono e diversos conectores.

E é que opcións de conexión non lle faltan a este trebello, pois á WiFi para accedermos a Internet súmase o Bluetooth co que poderemos conectar diversos accesorios inarámicos que poden mellorar a experiencia de xogo. O seu porto USB é OTG, polo que poderemos acceder a memorias externas desde o mesmo, aínda que tamén ten ranura microSD coa que podemos ampliar a memoria en até 64 GB extra sobre os seus 8 ou 16 GB de interna.

Pantalla e son

A pantalla é dunhas máis que abondas 7 polgadas, un panel IPS con resolución 1280 x 800 píxeles. Destaca a boa experiencia de uso na cor, con cores vivas e unha óptima xestión do brillo. Ademais, apenas ten reflexos, o que se agradece nun dispositivo no que a precisión é importante.

A calidade do son é moi superior ás tablets que hai no mercado; o tipo de dispositivo que é permite situar os altofalantes sen ter que disimulalos moito, e isto axuda a que recibamos un son máis puro e máis envolvente, o que sen dúbida axuda a que teñamos unha mellor experiencia de xogo.

Sistema operativo

archos mapping tool

A tablet vén con Android 4.2.2, unha versión pura sen máis aditivos que un controlador para configurar o uso dos mandos e unha sorte de tenda de videoxogos, Game Zone. O primeiro, Archos Mapping Tool, permítenos asignar as funcións que se atopan na interface táctil do xogo aos controis físicos, algo que cómpre facer para sacerlle todo o partido ao dispositivo.

game zone

Pola súa banda, centrándonos no Game Zone, cómpre dicir que non se trata dunha tenda en si, senón dunha selección de xogos que fai Archos, agrupándoos en diferentes categorías, aínda que á hora da verdade envíanos á Play Store para facer as descargas ou compras.

Cámara e batería

A tablet incorpora unha única cámara frontal, con sensor VGA, cuxa presencia é anecdótica. Da capacidade de batería non temos datos oficiais, mais  durante os días de proba saíronnos unhas 7 horas de xogo, ás que debemos sumar os tempos empregados para descargas e outros quefaceres.

Experiencia de uso e conclusións

O Gamepad 2 ten unas caracteríticas técnicas abondas para enfrontarse aos xogos que temos dispoñíbeis para Android, grazas ao seu procesador A9 de catro núcleos a 1,6 GHz cunha GPU Mali 400 e 2 GB de memoria RAM.

archos gamepad 2 family guy joystick

Estivemos a probar xogos de diverso tipo, facendo especial fincapé en simuladores de Gameloft e EA, e a experiencia foi positiva. Como análise práctica probamos a instalar os mesmos títulos nunha tablet clásica, para comparar as diferenzas da experiencia de uso e os resultados non puideron ser máis evidentes: a Gamepad 2 sempre se impuxo en comodidade, xogabilidade e experiencia multimedia.

Por contra, non é o dispositivo óptimo para usar como tablet ao uso (escribir correo, redes sociais…), pois polo seu deseño, con marcos laterais xenerosos, o teclado fica lonxe e pouco accesíbel.

Así que, como conclusión, podemos afirmar que se trata dun dispositivo recomendábel para aquelas persoas que queren un dispositivo co que xogar con comodidade aos centos de videoxogos dispoñíbeis na Play Store, e mesmo para aqueles que consumen moito vídeo (filmes, series…) e queren disfrutar dunha experiencia multimedia superior.

A Gamepad 2 de Archos pódese atopar por algo menos de 200 euros en moitas tendas en liña.

Sobre o autor

Reply