Así é o imperio hardware de Google

google car

Onte á mañá publicabamos a última proposta de Google en ver a luz, o seu coche autónomo Google Car, saído dese laboratorio secreto coñecido como Google X. Pero o Google Car non é nin de lonxe a única curiosade hardware que a empresa de Mountain View está a construír e o futuro semella aínda moito máis impresionante. Estes son algúns dos exemplos dos últimos meses

Nexus Q

O 27 de xuño presentouse o Nexus Q, un destes primeiros proxectos hardware que parecía ser a repanocha da multimedia no fogar; nada máis lonxe da realidade, xa que o produto nin tan sequera chegou a poñerse á venda, aínda que os coñecementos adquiridos con este produto foron aplicados a outras novidades da compañía.

nexus q

Google Trekker

Xa nos acostumamos a ver por Galiza adiante os coches de Google Maps. Mais arredor deste proxecto de dixitalización do mundo hai unha chea de innovación, como as mochilas Trekker, que permiten facer o mesmo que os coches pero nun espazo moito máis reducido. Grazas a elas podemos visitar numerosos lugares do mundo inaccesíbeis doutro xeito que non sexa a pé.

google trekker

Motorola e a nova gama de entrada

A adquisición de Motorola por parte de Google foi outro exemplo do interese da compañía polo hardware. Durante os meses que esta empresa estivo en mans de Google xurdiron o Moto X e o Moto G, dous dispositivos que marcaron un antes e un despois na democratización do acceso aos smartphones que supuxo Android.

Moto X traseira

Chromecast

Se antes falabamos do Nexus Q tamén debemos lembrarnos do Chromecast, un pequeno pincho que conectado á televisión pode recibir todo tipo de contido multimedia enviado desde os nosos Android, pestanas de Chrome ou aplicacións de terceiros. Púxose á venda no noso País non hai moito tempo por 35 €.

chromecast

Google Glass

Como non, as Google Glass, o dispositivo que seguramente teremos á venda este ano e que pode revolucionar o ámbito empresarial ou o modo no que nos comunicamos. Bótalle un ollo á nosa análise.

google glass faro de vigo

Lentes de contacto

Ligado tamén aos ollos está o proxecto de lentes de contacto para a diabate, un dispositivo que contén un sensor de glucosa e avisa ao usuario no caso de que non sexa o axeitado.

google diabete

Project Ara

Teléfonos modulares de duración (case) infinita. É o que promete o proxecto Ara, co que Google pretende que os nosos smartphones ou tablets poidan ser modulares, de tal xeito que se precisamos ampliar algunha das súas características non teñamos máis que mudar unha peza.

project ara

Project Tango

O Project Tango é a través do cal Google quere introducir numerosos sensores e cámaras nos smartphones para que estes sexan capaz de interactuar con todo o que teñen ao seu redor. Xa hai algúns prototipos en marcha e agárdase saber máis deste asunto no vindeiro I/O.

project tango

Boston Dynamics

Boston Dynamics é unha das últimas compras de Google, unha compañía que traballa na robótica, campo que está a ser explorado pola compañía de Mountain View. De Boston Dynamics saíron unhas curiosas vacas motorizadas como a da forografía, pero son capaces de moito máis ca iso.

boston dynamics

Nest

Nest é outra das compras recentes de Google. Especializada na solucións tecnolóxicas para o fogar, o dispositivo máis coñecido que saiu da firma é un termostato intelixente que en Estados Unidos xa se pode mercar a través da Play Store.

nest

Project Loon

Finalmente, o Project Loon é un proxecto que coa axuda de globos aeroestáticos pretende achegar Internet a todas as partes do mundo, especialmente a aqueles lugares nos que o acceso é máis complicado.

project loonCal vos parece a vós o proxecto máis innovador?

Inspirado neste artigo.

Sobre o autor

Reply