Huawei sempre nos vendeu a súa marca secundaria, Honor, como unha opción para o público europeo, xente moza e, en xeral, distendida. Porén, os últimos anuncios da marca semellan ir na liña de darlle máis protagonismo e personalidade propia, como acontece co novo Honor Magic, que vén de ser presentado.
O Hono Magic supón un importante salto cualitativo nun trebello que, ademais de polas súa interesantes especificacións, destaca polo seu deseño e acabados, cunha aposta pola fluídez e a continuidade nos bordes, así como polo uso de materiais de calidade premium.
En canto a especificacións, integra unha pantalla dobremente curva de 5,1 polgadas QHD (2560 x 1440 píxeles, 5777 píxeles por polgada) e un procesador Kirin 950 Octa Core, con catro núcleos a 2,3 GHz e outros catro a 1,8 GHz. Dispón ademais de 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna.
Outro aspecto diferencial témolo no apartado multimedia, onde nos atopamos cunha agradábel sorpresa. E é que o novo Magic vén cun total de catro cámaras, dúas na parte traseira e dúas na parte dianteira. As principais son de 12 megapíxeles, mentres que as frontais quedan nos 8 Mpx. En ambos os casos están equipadas por flash LED.
Complementando as súas especificacións temos unha batería de 2.900 mAh con funcións de carga rápida (40% en 10 minutos, 70% en 20 minutos), conectividade 4G, USB Tipo C, sistema Dual SIM, sensor de pegadas dixitais (situado na parte frontal do dispositivo) e Android 6.0 Marshmallow.
Honor Magic Live
Mención á parte merece Honor Magic Live, a solución software que dá nome ao dispositivo. Trátase dunha serie de ferramentas e utilidades destinadas a predicir o compartemento das usuarias, algunhas das cales nos lembran ao funcionamento de Google Now.
Durante a presentación puxeron o exemplo dunha persoa que merca unha entrada para un concerto e a leva no móbil. Ao chegar ao recinto automaticamente amosarásenos sen que teñamos que buscala nós especificamente.
Dispoñibilidade e prezo
O trebello ponse hoxe á venda en China por uns 500 euros ao cambio. Durante o evento non se concretou nin a data nin o prezo ao que se venderá no noso país, ao que chegará de maneira oficial proximamente.