Pepephone comeza a migración das súas liñas a Yoigo

Unha das primeiras medidas tomadas por MásMóvil nada máis se fixo co control de Yoigo e Pepephone foi renegociar os distintos acordos de roaming nacional cos que dota de cobertura ás usuarias de todas as súas marcas. Froito destas conversas, unha das primeiras medidas a levar a cabo foi a de migrar ás usuarias de Pepephone á rede de Yoigo, que conta con infraestrutura propia, co fin de aforrar en alugueiros a terceiras compañías.

Esta operación, confirmada hai xa varios meses, vén de comezar e, de maneira progresiva, as clientas de Pepephone irán mudando á rede de Yoigo nas próximas semanas. A compañía anunciou que as usuarias recibirán un correo explicativo no que se indicarán os pasos a seguir, e que será necesario realizar un cambio de tarxeta SIM, tal e como aconteceu na maior parte dos cambios de rede levados a cabo polas OMV nos últimos dous anos.

Unha vez recibida a nova tarxeta SIM as usuarias verán interrompido o seu servizo durante unhas horas na madrugada, como se se tratase dunha portabilidade. Por outra banda, unha cuestión que tamén deberán ter en conta as usuarias de Pepephone é que o cambio tamén supón mudar de buzón de voz, polo que todas as mensaxes que se teñan gardadas desaparecerán e, de querer usalo, haberá que volver configuralo chamando ao 22177.

Suporá este proceso un empeoramento do servizo de Pepephone? Até o de agora a compañía de lunares empregaba a rede de Movistar e agora pasará a usar a de Yoigo (moito menos extensa) e a de Orange aló onde non chega, polo que é posíbel que se note a diferenza. Haberá que agardar aínda uns meses para ver que pensan as usuarias deste cambio.

Sobre o autor

One Response

  1. daniel 27 Decembro, 2017 Responder

Reply