OnePlus amplía a gama Nord co N10 5G e N100

O fabricante chinés OnePlus anunciou onte o lanzamento de dous novos terminais dentro da súa familia OnePlus Nord, o OnePlus Nord N10 5G e o OnePlus Nord N100, co obxectivo de ofrecer a experiencia premium dos smartphones máis punteiros da compañía a un público que non quere gastar tanto nos seus dispositivos.

Os novos trebellos da familia OnePlus Nord apostan por pantallas con visualización inmersiva, así como unha batería de longa duración, cámara múltiple e software coa capa de personalización propia, Oxygen OS. A continuación detallamos as súas características.

OnePlus Nord N10 5G

O OnePlus Nord N10 5G é un teléfono moi equilibrado, tanto polo seu deseño como por contar con conectividade 5G, unha característica cada vez máis interesante, xa que as catro grandes operadoras xa dispoñen deste tipo de cobertura.

O Nord N10 5G conta cunha pantalla IPS LCD de 6,9 polgadas con resolución FHD+ (1080 x 2400 px), ratio de pantalla 20:9 e unha taxa de refresco de 90 Hz.

O seu motor é un procesador Qualcomm Snapdragon 690 con GPU Adreno 619L, e dispón de 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna ampliábeis mpor microSD de até 512 GB.

A cámara principal, traseira, é cuádruple, cun sensor principal de 64 Mpx con f/1.79 e estabilizador; un gran angular de 8 Mpx con f/2.25 e amplitude de 119º, un sensor macro de 2 Mpx con f/2.4 e un último sensor monocromo de 2 Mpx con f/2.4. Do outro lado, a cámara dianteira é única, e se trata dun sensor de 16 Mpx con f/2.05.

A súa batería é de 4.300 mAh de capacidade, con carga rápida 30W Warp Charge 30T, e a conectividade pasa por 5G, WiFi dual, Bluetooth 5.1, NFC e USB-C. Tamén dispón de lector de pegadas dixitais, situado na parte traseira do trebello, e altofalantes duais.

OnePlus Nord N100

Para aquelas persoas que non precisan tanto, OnePlus ofrece o Nord N100, un dispositivo no que aposta pola pantalla, unha batería de longa duración e un prezo máis contido, pero sen renunciar a un potente sistema de son ou á carga rápida.

A súa pantalla é un panel IPS con resolución HD+ e un tamaño de 6,52 polgadas. No interior leva un procesador Snapdragon 460 de Qualcomm, xunto con 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna.

A cámara frontal é de 8 Mpx, mentres que a traseira está formada por tres sensores: un sensor principal de 13 Mpx, un sensor macro de 2 Mpx e un sensor para o efecto bokeh de 2 Mpx.

Neste caso, a conectividade móbil é 4G, pero dispón de WiFi de dobre banda. A súa batería sitúase nos 5000 mAh de capacidade, con carga rápida de 18W.

Dispoñibilidade e prezo

Ambos os dos modelos póñense á venda tanto a través da web da compañía, oneplus.com, como por Amazon.

O OnePlus Nord N10 5G custa 349 euros, e pódese mercar en cor “Midnighy Ice”, mentres que o OnePlus Nord N100 chega ao mercado por 199 €, dispoñíbel en “Midnight Frost”.

Sobre o autor

Reply