Lenovo anuncia novas tablets Android e un Chromebook

O fabricante chinés Lenovo fixo públicas nas últimas datas novidades nos seus dispositivos, presentando dúas novas tablets – Lenovo Tab P12 Pro e Lenovo Tab P11 5G – e un Chrombeook, o Lenovo IdeaPad Duet 5. Todos eles son dispositivos que a compañía orienta ao seu uso en mobilidade.

Comezando polas tablets, en ambos modelos vese como a compañía aposta por ofrecer trebellos de primeiro nível, se ben é certo que entre ambos hai substanciosas diferenzas. Mentres a Lenovo P12 Pro é un dispositivo que leva características de maior nivel, a Lenovo P11 5G é unha aposta pola conectividade a un prezo algo máis contido, xa que as súas especificacións son tamén un pouco máis modestas.

Lenovo P12 Pro

A Lenovo P12 Pro é unha tablet que leva no seu interior o procesador Qualcomm Snapdragon 870, xunto con 8 GB de memoria RAM e unha memoria interna de 256 GB. A súa pantalla é un panel de 12,6 polgadas con resolución 2K a 120 Hz e tecnoloxía AMOLED, que ademais é compatíbel con Dolby Vision e HDR10+.

A súa batería é de 10.200 mAh de capacidade, con carga rápida de 45W. Entre as opcións de conectividade temos 5G (opcional), Bluetooth 5.2 e WiFi 6, ademais do conector físico USB-C e un set de 4 altofalantes JBL con son Dolby Atmos. Como sistema operativo leva Android 11 de serie.

Así mesmo, tamén é compatíbel co lapis Lenovo Precision Pen 3, un complemento opcional que pode servir para sacarlle todo o partido a un trebello realmente completo en canto a especificacións.

Lenovo P11 5G

Pola súa banda, a Lenovo P11 5G leva o procesador Qualcomm Snapdragon 750G 5G, con 4 GB de memoria RAM e 256 GB de memoria interna. A súa pantalla é un panel de 11 polgadas con resolución 2K e tecnoloxía IPS, e a batería de 7.700 mAh con carga de 20W.

Como avanzamos, o seu principal atractivo é a conectividade 5G, pero tamén leva Bluetooth 5.1, WiFi 6 e, como a Lenovo P12 Pro, o set de catro altofalantes JBL con Dolby Atmos e porto USB-C, así como Android 11.

Lenovo IdeaPad Duet 5

Por último temos que falar do novo Chromebook de Lenovo, o IdeaPad Duet 5. un dispositivo con pantalla OLED de 13,3 polgadas que promete unha representación de cor no espectro DCI-P3 do 100%, e ademais conta con diversos sistemas de portección para o ollo, pensando nun uso intensivo.

No seu interior leva un procesador Snapdragon 7c de segunda xeración, unha aposta de Qualcomm por ofrecer un chip especialmente deseñado para labores ofimáticas que ten unha velocidade de reloxo de 2.5 GHz. Xunto a el temos 8 GB de RAM e 256 GB de memoria SSD.

Completan a folla de características catro altofalantes estéreo, compatibilidade con lapis óptico e conectividade WiFi 5, Bluetooth 5.1 e dous portos USB-C. A súa batería, de 42Whr, promete 15 horas de autonomía.

Como sistema operativo leva ChromeOS, cunha interface moi semellante á de Android e compatibilidade coas súas aplicacións. Ademais tamén ten actualizacións vía OTA e integración con Google Assistant.

Dispoñibilidade e prezo

A tablet Lenovo P12 Pro poderase adquirir en versión WiFi ou 5G a partir de outubro, custando uns 520 ou 900 euros, facendo o cambio desde o seu prezo en dólares. Pola súa parte, a Lenovo P11 5G sairá á venda en outubro por 499 euros, estando dispoñíbel en branco, gris e azul.

A lenovo IdeaPad Duet 5 ten un prezo, en Estados Unidos, de 429 dólares. Polo de agora non hai confirmación sobre a súa chegada ao noso país.

Sobre o autor

Reply