O fabricante chinés ZTE anunciou hoxe a chegada ao noso país do ZTE Blade V50 Design, un dispositivo que se sitúa por baixo da barreira dos 200 €, pero que non por iso deixa de atender cuestións como un coidado deseño ou un rendemento equilibrado, algo que consegue grazas ao uso dunha memoria RAM ampliábel de forma virtual, podendo chegar aos 18 GB.
O Blade V50 Design incorpora unha pantalla de 6,6 polgadas: trátase dun panel con resolución FHD+ (2408 x 1080p) capaz de reproducir até 16,7 millóns de cores. No seu interior temos un procesador UNISOC T606, de oito núcleos a 1,6 GHz, xunto con 256 GB de memoria interna (ampliábel mediante tarxetas microSD de até 1 TB) e versións de 4 e 8 GB de RAM. Esta RAM pode ampliarse con até 10 GB de RAM virtual, creada empregando parte da memoria ROM dispoñíbel.
No apartado fotográfico temos unha cámara frontal de 8 MP, así como unha posterior formada pola combinación de tres sensores: o sensor principal é de 50 MP, con autofocus por IA, que se completa cun sensor de profundidade de 2 MP e un sensor macro, tamén de 2 MP.
A súa batería sitúase nos 5.000 mAh de capacidade, con carga de 22 W. Dispón de conectividade WiFi de dobre banda e móbil até 4G, ademáis de sensor de pegadas dixitais lateral, NFC para pagos móbiles, Bluetooth 5.2 e compatibilidade cos sistemas de VoLTE e VoWiFi.
Dispoñibilidade e prezo
O novo ZTE Blade V50 Design xa está dispoñíbel para mercar no noso país na cor Diamond Black (negro) a través da rede de tendas e a páxina web de PhoneHouse.
O prezo oficial para a versión máis económica é de 199 €, aínda que maneira promocional durante as primeiras semanas tras o seu lanzamento pode mercarse por 179 €.