Cando queda xusto unha semana para o Google I/O, a compañía vén de presentar o Google Pixel 8a. O novo teléfono de gama media de Google chega co chip Google Tensor G3 e moitas das funcións de intelixencia artificial que xa coñecemos dos Pixel 8 e Pixel 8 Pro. Entre elas, a Mellor Versión para fotografías ou o Borrador Máxico para Audio.
A súa pantalla é un panel OLED de 6,1 polgadas, con resolución 1080 x 2400 píxeles (430 ppp) e relación de aspecto 20:9. Conta cun nivel de brillo un 40% maior ca o do seu predecesor, o Pixel 7a, acadando os 2.000 nits. Ademais, inclúe taxa de refresco de 120 Hz para unha experiencia fluída, que se está a converter nuna estándar no mercado.
No interior, ademais do procesador Google Tensor G3, atopámonos con 8 GB de memoria RAM e versións de 128 ou 256 GB de memoria interna. Tamén cunha batería de 4.500 mAh de capacidade, con carga rápida.
O pixel 8a conta cunha cámara traseira dual, cun obxectivo principal de 64 MP acompañado dun gran angular de 13 MP. Tamén dispón dun sensor de 13 MP na parte frontal para autorretratos, ucn amplo campo de visión pensando nas fotos en grupo.
Nos resultados das fotografías xoga un papel importante o chip Tensor G3 de Google, que permite sacar partido ás ferramentas de intelixencia artificial (IA) que se veñen presentando. Ademais da xa comentada Mellor Versión, temos o Editor Máxico (que permite modificar a posición e tamaño das persoas ou obxectos), ou o Borrador Máxico de Audio, co que se poden eliminar sons como o vento ou o ruído de fondo, mellorando a claridade e nitidez dos vídeos.
A IA de Google tamén simplifica tarefas diarias, e o Pixel 8a inclúe funcionalidades como o de “Rodea para buscar”, o Asistente de Chamadas ou as visitas virtuais. Tamén inclúe os chamados “Audio Emojis”, que engaden reaccións de audio ás chamadas.
En canto a software e seguridade, Google ofrece 7 anos de actualizacións, así como VPN gratuíta e ilimitada integrada. O desbloqueo da pantalla pode facerse mediante pegada dixital, dispoñíbel baixo a pantalla.
Do seu deseño, destaca a protección. Google considérao o smartphone da serie A máis resistente até o de agora, capaz de soportar pequenos golpes, así como salpicaduras de auga e pó (IP67). Está fabricado en aluminio 100% reciclado, coa capa traseira en plástico reciclado nun 76%.
Pixel Tablet
Xunto co Pixel 8a, Google tamén anunciou a chegada ao noso país da Pixel Tablet. Trátase dun dispositivo de 10,9 polgadas con resolución de 2560 x 1600 píxeles, e unha batería que ofrece até 12 horas de reprodución de vídeo.
Dispón de 8 GB de RAM, con 128 ou 256 GB de memoria interna, e procesador Google Tensor G2. Só se comercializa en versión con conectividade WiFi (compatíbel con WiFi 6). Pensando nas persoas que buscan un aparello para o consumo de multimedia, ofrece unha boa experiencia sonora grazas a catro altofalantes integrados, que pode verse mellorada cunha base que fai de altofalante.
Dispoñibilidade e prezo
O novo Pixel 8a estará dispoñíbel o próximo martes, 14 de maio, cun prezo de partida de 549 € para a versión de 128 GB. O modelo con 256 GB sube até os 609 €. Poderase mercar nun total de catro cores: Aloe (edición limitada), Celeste, Obsidiana e Porcelana.
As persoas que accedan á prerreserva -aberta desde hoxe- ou á compra até o 4 de xuño, beneficiaranse dunha promoción pola cal entregando un teléfono antigo elixíbel recibirán 150 € ademais do valor do teléfono entregado.
En canto á Pixel Tablet, chega ao mercado con 128 GB por 499 €, mentres que a versión de 256 GB custa 609 €. De querer mercala xunto coa base – altofalante, deberemos sumar 100 € adicionais, que fan un total de 599 ou 709€, respectivamente. Porase á venda o próximo 14 de maio, pero xa se pode reservar.