Probamos a Galaxy Note, o primeiro "tabletphone"

É un smartphone? É unha tablet? A Galaxy Note serviu para introducir un novo concepto, o tabletphone. Vamos, un smartphone grande e con funcionalidades de tablet.
Cando comezamos a usar a Galaxy Note o primeiro que nos chamou a atención foi o tamaño. Si, xa xogueteáramos con algunha Galaxy Note, pero nunca metéramos unha no peto. É grande. Moi grande? Home… cabe no peto perfectamente. Pero si, leva 1 ou 2 días acostumarse ao tamaño do terminal, por moito que teñamos un smartphone con pantalla de máis de 4 polgadas.
Concretamente as súas medidas son 146,85 x 82,95 x 9,65 mm e pesa 178 gramos. Isto permite que dispoña dunha pantalla de 5,3 polgadas Super AMOLED HD. A súa resolución é de 1280 x 800 píxeles, o que ofrece unha calidade de imaxe realmente impresionante. Tede en conta que é a mesma resulución que ten outro dispositivo da familia Galaxy, a Tab de 10.1, pero nunha pantalla de case a metade de polgadas.
É necesaria tanta pantalla? Pois o certo é que resulta moi cómoda para a lectura de documentos, de webs e para disfrutar do contido multimedia. Ademais, tomar notas ou debuxar é hipersinxelo, o que resulta ideal para profesionais ou “artistas”.
En canto ao procesador vén cun Exynos de dobre núcleo a 1,4 GHz, que fai que responda con moita fluidez á multitarefa, algo ao que estamos moi acostumados os usuarios de Android e cuxa calidade varía segundo a potencia do procesador de turno.
O deseño lémbranos moito ao do Galaxy S II, tanto pola ausencia de botón frontais (só o de casa, os outros – menú e atrás – quedan escondidos na pantalla) como polos materiais e acabados.
A volta ao Stylus
Outra caractarística interesante deste terminal é que recupera un obxecto que era típico dos primeiros smartphones, o stylus, ese lapiciño co que podemos tocar na pantalla, que ademais se incrusta perfectamente nun oco destinado a tal efecto na parte traseira do terminal.
Basicamente serve debuxar ou escribir comodamente, ademais doutras cousas que vos comentaremos máis adiante.
Sistema operativo
A Galaxy Note vén con Gingerbread (2.3.6), sobre a cal existe unha interface personalizada por Samsung. Pero é máis, conscientes de que a Galaxy Note é un terminal peculiar, Samsung decidiu incluír aplicacións específicas para el, como Nota S, ademais de contar cun apartado específico de Samsung Apps (a selección de aplicacións da compañía coreana) para sacarlle o máximo partido ao terminal.

Como é de agardar, a Galaxy Note está na listaxe de terminais que recibirán en breve Ice Cream Sandwich.

Almacenamento, conectividade e outros extras.
A Galaxy Note conta con 16 GB de memoria interna, pero que poden ser amplicados mediante tarxetas microSD noutros 32 GB extra. A súa RAM é de 1 GB.
Conexións físicas só ten microUSB e jack 3.5 para audio. En canto ás inarámicas, as habituais: WiF, Bluetooth, GPS e compatibilidade con todas as variantes de redes 3G/2G.
Cámara
Dispón de dobre cámara. Como era de agardar, a traseira é a máis potente, con 8 megapíxeles e flash LED. A través do menú da mesma permite xestinar unha chea de opcións:
  • Modo de disparo: normal, ao sorrir, panorámica, esceas de acción…
  • Modo de escena: paisaxe, retrato, noite, solpores, fogos de artificio..
  • Exposición
  • Enfoque: automático, macro ou detección de rostro
  • Temporizador
  • Resolución (8,, 6.5, 2.4 ou 0.8 megapíxeles)
  • Étc
Algúns exemplos en diferentes condicións:

Solpor en Vigo
Espectáculo de luz no Alcázar de Córdoba
Imaxe en interiores (Mezquita de Córdoba)
Detalle de preto
En canto a vídeo, permite gravacións a 1080 a 30 fps.

A dianteira é de 2 megapíxeles. Está máis orientada ás videochamadas, aínda que saca unhas fotos bastante decentes en boas condicións lumínicas, xa que esta non ten flash.
Batería
A batería coa que conta a Galaxy Note é de 2500 mAh. Que sexa superior á de outros terminais vén determinado pola gran pantalla coa que conta e, como xa vos contamos, porque está pensada para debuxar/escribir, o que implica traballo con ela acendida e activa.
Aguanta perfectamente o día cun uso intensivo, sacando moitas fotos e facendo uso de todas as opcións coas que conta este tabletphone

S Note e outras funcións software vencelladas ao stylus

S Note é a aplicación básica incluída por Samsung para empregar o Stylus. Trátase dunha ferramenta que permite engadir notas, fotos… o que queiramos para poder compartir logo a través do correo, das redes sociais ou para “consumo propio” no noso terminal.
Velaquí dous exemplos: un debuxo e unha nota aderezada cunha foto tomada co propio terminal:
Outra función interesante é a posibilidade de editar capturas de pantalla. As capturas fanse co propio stylus: basta con presionar o botón do mesmo ao tempo que o temos apoiado sobre a pantalla para que se faga a captura. A partires de aí abrirásenos o editor e poderemos modificar a imaxe. 
Un exemplo é o que vemos a continuación: estamos en Google Maps e queremos indicarlle a algún contacto onde quedamos ou unha nota sobre un determinado sitio.
Exemplos de uso hai moitos: resaltar algo nunha web, amosar menús… étc.

Conclusións, agradecemento e prezos

Despois de estar probando o terminal durante uns días e tras o impacto inicial do tamaño, podemos concluír que estamos ante un terminal de grandes posibilidades. Abre a porta a un sinfín de ferramentas pensadas para facilitar a vida de quen gusta de explotar a súa creatividade en calquera lugar ou a quen o necesita por traballo.
Pódese falar por teléfono coa Note arrimándoo á orella, pero o seu tamaño faino un chisco incómodo para ilo. Nós neste sentido decantámonos por unha solución de mans libres, ben sexa Bluetooth ou mellor aínda, cableado, de tal forma que poidamos gozar tamén do multimedia até o infinito.
A súa potencia, o sinfín de posibilidades que ofrece, a calidade da súa pantalla e da súa cámara e un coidado deseño fan que para nós sexa un terminal a recomendar ao público máis esixente.
Aproveitamos para agradecer a R o préstamo deste terminal para poder exprimilo e facer unha análise en profundidade do mesmo. A operadora galega comercializa este dispositivo nun abano de prezos que vai desde 0 € para consumos de 69 €/mes a 699 € para quen o queira mercar sen vencellalo a un contrato. Toda a info de prezos pódese consultar nesta ligazon.

Sobre o autor

Reply