Analizamos a tablet Archos 80 Helium 4G

archos_80helium4g

A francesa Archos está a introducir en varios dos seus últimos dispositivos conectividade 4G, unha funcionalidade que nos permite acceder a maiores velocidades de conexión, sempre e cando a nosa operadora ofreza dito servizo. Vimos de probar a nova tablet Archos 80 Helium 4G, un dispositivo de 8 polgadas co que poder acceder a todo tipo de contidos sen importar onde nos atopemos.

Deseño, acabado e conexións

O deseño da tablet non se sae do común, dispondo de xenerosos marcos que nos permiten soster a tablet en calquera das súas orientacións sen ter que poñer os dedos riba da pantalla. Na parte frontal unicamente atopamos a cámara, situada na parte superior central, mentres que na parte posterior do trebello temos o dobre altofalante, a cámara principal e unha pequena lapela desde a que podemos acceder aos compartimentos da SIM e da tarxeta microSD de ampliación de memoria.

archos 80 helium 4g_sim

Todos os botóns e conectores sitúanse no lateral esquerdo, unha situación extrana estando acostuamdos a telos no dereito (cousas de destros). De arriba abaixo, seguen esta orde: puntiño de reseteo, botón de acendido / apagado, controis de volume, micrófono, microUSB e jack de audio 3.5; todos eles veñen identificados para que non haxa dúbidas.

archos 80 helium 4g_conectores

Para os acabados combínase o plástico co xa habitual alumio empregado por este fabricante nas partes traseiras de varios modelos, un material que achega unha maior sensación de calidade.

Pantalla

Tal e como se indica no nome, a tablet incorpora unha pantalla HD de 8 polgadas, cunha resolución de 1203 x 768 píxeles, que se sitúa por riba doutros paneis presentes en tablets da mesma categoría. Porén, isto non saca que poidamos apreciar os píxeles se nos fixamos especificamente nalgún punto da pantalla. Ten un formato 4:3 que nos resultou bastante cómodo para a lectura de documentos, aínda que non tanto para multimedia en formato panorámico, xa que se desperdicia parte do panel.

archos 80 helium 4g_lectura

O seu comportamento en exteriores non é tan bo como cabería agardar dunha tablet con conectividade 4G, que se presupón pensada para poder empregar en calquera lugar. En condicións de alta luminosidade custa bastante ver algo con xeito nela.

Sistema operativo

Como é habitual nos produtos de Archos, a tablet vén cunha versión stock de Android, neste caso 4.3 Jelly Bean, sen personalizacións do fabricante, polo que a experiencia neste senso é similar a un produto Nexus.

archos 80 helium 4g_jelly

Descoñecemos os plans da compañía de actualizacións, sobre todo se chegarán a incorporar Android 5.0 Lollipop, pero sen dúbidas sería unha grandísima nova.

Cámara

Vén con dobre cámara, a traseira de 5 Mpx e a frontal de 2 Mpx. Non somos moi partidarios de empregar as tablets como cámaras, polo que simplemente entendemos que teñen unha función cumpridora, e neste sentido fan o que se agarda delas, sobre todo a frontal, ofrecendo unha calidade abonda para videochamadas.

Batería

A tablet dispón dunha batería de 3500 mAh, a priori non moito maior aos 3000 mAh habituais dos smartphones de 5,5 polgadas.

A duración práctica dependerá un pouco do uso que lle deamos: para empregar na casa, con WiFi e uso normal, poderemos chegar aos dous días de autonomía, xa que o seu consumo en espera é moi baixo. Porén, se facemos uso do seu potencial 4G veremos que o consumo se dispara, chegando moi xustos ao final do día.

Conclusións

As especificacións da tablet inclúen un procesador SnapDragon 400 a 1,2 GHz, xunto con 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna, que como dixemos antes, son ampliábeis por microSD. Con eles conseguimos un notábel rendemento, sen lags aparentes en calquera situación, mesmo cos xogos, o cal é un punto moi favorábel. Non cabe dúbida que a escolla dun procesador SnapDragon fronte a MediaTek, máis habitual neste tipo de trebellos, xoga moito ao seu favor.

Que teña ademais capacidade para redes 4G ábrenos a porta a que poidamos usar a tablet en calquera lugar, o cal tamén é un punto a ter en conta polos usuarios máis activos. Cómpre sinalar que ten capacidade de teléfono e non só conectividade de datos, polo que as opcións nseste sentido son totais.

Podémola mercar por 220 €, un prezo realmente comedido para un trebello moi equilibrado.

12 Comentarios

  1. Señor Paquito 22 Outubro, 2014 Responder
  2. Señor Paquito 22 Outubro, 2014 Responder
  3. Señor Paquito 22 Outubro, 2014 Responder
    • Iago Varela Martínez 28 Outubro, 2014 Responder
  4. Señor Paquito 28 Outubro, 2014 Responder
  5. Señor Paquito 29 Outubro, 2014 Responder
    • Iago Varela Martínez 29 Outubro, 2014 Responder
  6. Señor Paquito 29 Outubro, 2014 Responder
  7. Señor Paquito 25 Xaneiro, 2015 Responder
    • Iago Varela Martínez 26 Xaneiro, 2015 Responder

Deixa un Comentario