Os móbiles que están por vir

android boneco

Non hai moito citamos os 10 mellores móbiles do 2014, ademais de 10 opcións por menos de 200 euros. Mais como sabedes, o mercado da telefonía móbil é moi cambiante, e falta moi pouco para descubrirmos as primeiras novidades do 2015, primeiro no CES de Las Vegas, en xaneiro, e logo no MWC de Barcelona, a finais de febreiro.

Nos últimos días empezamos a recibir as primeiras informacións do que chegará para o ano en forma de filtracións, novas que temos que tomar con precaución, pois aínda é algo cedo e o descuberto poden ser simples prototipos.

LG G Flex 2

En primeiro lugar cómpre falarmos de LG, quen ten todas as papeletas para presentar en xaneiro o G Flex 2, unha evolución do seu terminal curvo e flexíbel G Flex. O principal é que melloraría significativamente a calidade da súa pantalla subindo até os 1080p, o que levaría á compañía coreana a establecer un novo fito, xa que sería a primeira pantalla QHD flexíbel en saír ao mercado.

Doutra banda, arredor das datas nas que se celebra o MWC aparecería o HTC Hima, o novo buque insignia de fabricante taiwanés, cuxas especificacións filtradas apuntan moi alto. Estaríamos a falar dun trebello con pantalla FullHD de 5 polgadas e no interior o novo procesacor SnalDragon 810 a 2 GHz, xunto a 3 GB de RAM e unha batería de 2840 mAh.

Samsung tamén anda a traballar no seu dispositivo de referencia, o Galaxy S6. Un test de AnTuTu revela especificacións dun dispositivo a compañía que podería ser un prototipo de S6. Se estes datos son certos estaríamos a falar dun dispositivo con pantalla de 5,5 polgadas e resolución QHD (2560 x 1440), procesador Snapdragon 810 (ao igual que o HTc Hima, e seguramente que moitos gama alta Android durante o 2015), 3 GB de RAM e cámaras de 20 e 5 megapíxeles.

Finalmente hai que falar de Sony, quen tería xa no forno o Xperia Z4, apenas 3 meses despois do lanzamento do Z3. Con el chegarían ás 5,5 polgadas (2560 x 1440), e no interior albergaría un procesdor de 8 núcleos a 2,8 GHz e 4 GB de RAM, que de ser certo sería o que chamamos un maquinón.

En vista de toda esta rumoroloxía non cabe dúbida de que imos ter un 2015 aínda máis interesante ca o ano que remata. Teremos que seguir moi atentas ás novas destes fabricantes, mais tamén da crecente Motorola e de toda a ristra de marcas chinesas que están a consguir unha baixada dos prezos nas gamas máis altas. Xa que logo, non podemos esquecernos de outros fabricantes coma bq, que seguirán a marcar o ritmo nunha gama media alta cada vez máis ambiciosa.

Que esperades vós o ano que vén?

Deixa un Comentario