CREO Mark 1, o móbil que recibe unha nova funcionalidade ao mes

Algo que levamos bastante mal as usuarias de Android é o tema das actualizacións. Salvo que teñamos un dispositivo que actualice directamente Google, como a saga Nexus, desde que se presenta unha nova versión de Android até que chega ao noso teléfono poden pasar moitos meses. Corrixir isto non é exactamente o que ofrece CREO Mark 1, o terminal do que hoxe queremos falarvos, mais vén cun modelo de actualización bastante curioso.

creo mark 1 - 1

CREO, a empresa encargada da súa fabricación, quere que o seu terminal incorpore funcionalidades que pida a comunidade de usuarias, tanto a través dun sistema de feedback en foros como por outras canles de comunicación, de tal maneira que as ideas que triunfen serán as que un equipo formado por 70 enxeñeiras e desenvolvedoras poñan en práctica. A partir de aí, todas as usuarias recibirán nos seus dispositivos as novidades a través dunha OTA, e a idea é que estas teñan carácter mensual.

O teléfono en si aínda non foi anunciado oficialmente, pero as súas especificacións técnicas coñécense igualmente grazas ás probas de rendemento en GFXBench. Cabe destacar que estamos ante un dispositivo que polas súas características sitúase no que chamamos gama media – alta, iso si, con pantalla de 4,6 polgadas, un tamaño lixeiramente inferior ás 5,2 – 5,5 polgadas habituais.

  • Pantalla de 4,6 polgadas (QuadHD)
  • Procesador MediaTek Helio X10 (8 núcleos)
  • 3 GB de memoria RAM
  • 32 GB de almacenaxe interna (ampliábeis por microSD)
  • Cámaras de 21 e 7 megapíxeles
  • DualSIM

No que ten a ver co seu deseño e os materiais empregados na súa fabricación, o CREO Mark 1 ten aspecto  de dispositivo premium, coas partes frontal (pantalla) e traseira en cristal e o marco lateral en metal, cunha forma curvada que facilita o agarre do dispositivo.

Polo de agora descoñecemos o prezo ao que se porá á venda o dispositivo, mais imaxinamos que rondará os 400 € ao cambio. Que vos parece esa cantidade para estrear móbil cada mes?

Máis información: CREO.

Sobre o autor

Reply