Save to Google: chega o “Pocket” de Google

De seguro que a miúdo, nos vosos paseos pola Internet, atopádesvos con artigos, vídeos ou outro tipo de páxinas que vos gustaría ollar pero que non tedes tempo para facelo. Nestes casos o mellor é empregar unha ferramenta como Pocket, que nos permite marcar cousas para ler máis adiante. Agora é Google quen vén de sacar a súa ferramenta semellante, chamada Save to Google, e que de momento só está dispoñíbel como extensión de Chrome.

Instalando Save to Google no noso navegador apareceranos unha pequena icona con forma de estrela próxima á barra de direccións, de maneira que cando nos atopemos navegando por unha páxina que queiramos consultar máis adiante podemos clicar na icona para que se garde. Nese momento xa se nos permite engadirlle algunha etiqueta á páxina gardada, de maneira que logo pode resultarnos máis doado ter todo ben organizado por temáticas.

save to google - 2

Cando queiramos acceder a ver esas páxinas gardadas debemos ir a “Ver marcadores”, abríndosenos un espazo no que teremos dispoñíbeis todos os artigos gardados, e desde onde poderemos lelos ao completo sen saír da interface ou acceder á web orixinal. Neste punto tamén se nos permite xestionar as etiquetas para reorganizar os contidos.
save to google - 3

A ferramenta está aínda moi verde se a comparamos coa competencia, e entre as súas maiores eivas está a falta dunha aplicación que permita gardar ligazóns desde calquera dispositivo. Neste senso Pocket está a anos luz da alternativa de Google, sincronizando todos os enlaces gardados a través de calquera dispositivo. Porén, se Google implementa esta opción como unha funcionalidade básica da próxima versión de Android podería chegar a ser un servizo exitoso.

Se queredes empezar a empregar esta ferramenta podedes instalar a extensión para Chrome nesta ligazón. O que gardedes quedará dispoñíbel neste espazo.

Sobre o autor

Reply