Oppo traballa cun prototipo de teléfono pregábel

De seguro que moitas de vós, durante os anos pre-smartphones, tivéchedes algún teléfono tipo cuncha, dispositivos coa pantalla na metade superior e un teclado físico na inferior. Este tipo de trebellos seguen sendo habituais nalgúns países do continente asiático (non así en Europa e América), iso si, coa consecuencia actualización de funcionalidades que lle dan sistemas operativos como Android.

O fabricante chinés Oppo amosou estes días un prototipo de terminal Android tipo cuncha que, a diferenza do que xa hai, ten a pantalla pregábel, un paso máis aló da flexibilidade que vimos en dispositivos como os LG Flex ou as curvaturas dos Samsung Galaxy S6 Edge / S7 Edge.

Pouco trascendeu deste modelo, que como dicimos é un prototipo. Non sabemos das súas prestacións e descoñécese como será a integración desta pantalla no seu correspondente marco, aínda que polo que podemos apreciar na imaxe publicada teríamos dúas pezas metálicas unidas cunha especia de bisagra.

Este tipo de innovacións, que fican lonxe de ser unha realidade palpábel no mercado, abren a porta a que nun futuro teñamos dispositivos máis compactos sen que iso supoña ter que renunciar a pantallas grandes ou outro tipo de prestacións. Que vos parece?

Deixa un Comentario