Ponse á venda a LG Action Camera LTE, o último membro dos LG Friends

LG anunciou o pasado mes de maio a LG Action Camera LTE, a aposta da compañía polas cámaras de acción vencellada ao conxunto de accesorios LG Friends. Dous meses despois este dispositivo ponse á venda en Corea do Sur por case 400 Won surcoreanos, algo menos de 320 euros ao cambio, aínda que se agarda que proximamente saia á venda noutros países.

A LG Action Camera LTE é un dispositivo robusto e sumerxíbel, e grazas á súa conectividade LTE permítenos retransmirtir vídeo en directo a través de YouTube Live e outras plataformas de vídeo semellantes. Vén cun sensor de 1/2.3 polgadas, 12,3 megapíxeles e é capaz de gravar en UHD a 30 frames por segundo, Full HD a 60 fps e HD a 120 fps.

No seu interior alberga un procesador fabricado por Qualcomm, o modelo Snapdragon 650, xunto con 2 GB de RAM e uns escasos 4 GB de memoria interna, que poden ser ampliados mediante tarxetas microSD de até 2 TB. A súa batería é de 1400 mAh, que segundo a compañía chegan para gravar 4 horas en Full HD.

Tamén dispón de sensores como GPS, acelerómetro e xiroscopio, conectividade a través de redes móbiles LTE, USB tipo C e Bluetooth 4.1, e protección IP67 para resistir a auga e o pó. En canto a dimensións, mide 35 x 35 x 77.9 mm.

A LG Action Cam LTE forma parte dos LG Friends, os módulos e accesorios vencellados ao LG G5, aínda que tamén será compatíbel con calquera terminal Android a partir da versión 5.0 e iOS a partir da versión 9.

Sobre o autor

Reply