Orange inclúe roaming na UE, pero só na oferta converxente Canguro Familia

Hai case 2 anos Vodafone lanzou un órdago eliminando o roaming nalgunhas tarifas, un movemento que foi replicando en todas as súas tarifas de contrato, de maneira que as clientas da operadora vermella de postpago poden usar as súas tarifas en Europa e Estados Unidos sen pagar céntimo máis.

Logo de todo este tempo, Vodafone ten a primeira resposta dun operador que vai na mesma liña. Trátase de Orange, que se inicia nisto da eliminación do roaming dunha maneira algo tímida, xa que de momento só afecta á oferta converxente Canguro Familia.

As usuarias de Canguro Familia (que inclúe servizos fixos e dúas liñas móbiles con chamadas ilimitadas que comparten un bono de 10 GB) e as súas liñas adicionais poderán facer uso dos datos e minutos incluídos na súa tarifa nas viaxes ao extranxeiro. Ademais, e tal e como ocorre con Vodafone, os beneficios tamén se aplican no país que visitamos como se estivésemos no de orixe, de maneira que se estamos en Portugal poderemos chamar a fixos e móbiles de Portugal, descontándose dos nosos minutos e non cobrándose como chamadas internacionais.

A diferenza da proposta de Vodafone, que inclúe os países de Europa ademais de Estados Unidos, a eliminación do roaming de Orange só afecta á Unión Europea, Islandia, Liechtenstein e Noruega.

Esperemos que este sexa só o primeiro paso para que Orange se apunte á eliminación dos sobrecustos que supón o roaming, adiantándose á normativa da EU prevista para o próximo verán, cando será unha práctica universal. Con todo, fica ver que condicións fixa a Comisión Europea para esta eliminación, porque seguramente vexamos algún tipo de limitación, ben temporal, ben de cantidade, para evitar a pillaxe de poder contratar servizos noutros países.

Sobre o autor

No Responses

Reply