Querido Google: non quero instalar máis aplicacións

Non cabe dúbida que, para nós, Google é a empresa que ten o sistema operativo móbil e o que ecosistema de aplicacións que mellor se adaptan ao noso día a día: moitas aplicacións, cada vez mellor deseñadas e con máis funcionalidades, que ofrecen desde un navegador a un mapa, pasando por unha app para coller notas ou o mellor servizo de correo electrónico.

Agora ben, os últimos movementos de Google cunha cambiante morea de aplicacións para a comunicación énchenos de carraxe.

google plus

Se queremos contactar cos nosos contactos a través das ferramentas que nos ofrece Google, temos múltiples opcións:

  • GMail
  • Hangouts
  • Google+ (RIP?)
  • Duo
  • Allo (pendente de lanzar)
  • Messenger (sms)
  • Chat de YouTube

Google+, o experimento social de Google, malia ter unhas comunidades moi interesantes (e que seguen moi activas), non chegou a ser o que pretendía: o gran rival de Facebook. Aos poucos, Google vai dando pasos que demostran que xa non apostan tanto por ela como facían hai un tempo, polo que todo apunta a que máis cedo que tarde estará condenada ao esquecemento.

Ao correo electrónico, malia ser unha ferramenta vital para moitas de nós, xurdiulle competencia coa chegada das aplicacións de comunicación instantánea, como WhatsApp, Telegram ou Facebook Messenger, quedando reducida a enviar arquivos anexos aos nosos contactos, recibir comunicacións de empresas cando facemos xestións con elas ou como ferramenta entre profesionais para comunicarse.

chat youtube

Por outra banda, entendemos a existencia do chat de YouTube, pois cubre as necesidades dun nicho de mercado moi concreto: agora as usuarias desta plataforma teñen unha forma de comunicarse sen ter que abrir outra aplicación para comezar unha conversa, principalmente relacionada co contido que están a visualizar.

Pois ben, agora é cando comeza o lío.

Dixemos lío? Non, liada das gordas. Google ten agora tres aplicacións que se sustitúen entre si: Hangouts, Allo e Duo. Hangouts, a máis completa, permite o envío de mensaxes de texto de xeito inmediato, como a nova Allo, pero con ela tamén podemos facer videochamadas, como a nova Duo. Por se este caos xa non fose abondo, recentemente soubemos que a intención a medio prazo de Google é unificar Allo e Duo nunha soa app. Daquela… por que non facelo desde o comezo?

allo duo hangouts

Preguntámonos se ten sentido ter que instalar todas estas aplicacións para poder contactar coas nosas amizades, pois por preferencias ou descoñecemento unhas poden usar Hangouts e non Allo ou Duo. Ou calquera outra combinación que se vos ocorra. De tal xeito, podemos ter a necesidade de instalar 3 aplicacións, levade a conta.

Algo semellante ocorre con Google Maps, Street View: nos sistemas móbiles son dúas aplicacións independentes, cando no navegador encóntranse unificadas. Sumemos +2 aplicacións (e xa deixamos á marxe Google Earth).

Outro exemplo: Documentos, Follas de Cálculo, Presentacións e Formularios. E Drive. Nesta ocasión pódese entender a fragmentación, porque unha usuaria pode precisar unha aplicación “tipo Word” para editar documentos e non facer follas de cálculo, pero novamente na versión web temos todo nun lugar. Se precisamos todas… +5 aplicacións.

Google Docs

Onde queremos chegar?

Con isto queremos dicir que pensamos que cando é posíbel fusionar aplicacións que cubren a mesma necesidade (por exemplo, comunicarse), Google debería pensalo ben, pois como exemplificamos antes non facelo implica instalar unha rea de aplicacións nos nosos móbiles.

Hangouts é unha boa ferramenta, pero que quedou atrás: fáltanlle funcións básicas hoxe en día, como o envío de arquivos, e o seu rendemento é moi mellorábel. Mais esa agardada (e prometida) mellora nunca chega. Agora dinnos que Allo será moito máis potente, por que non meter esas melloras en Hangouts? Ou é que van eliminar Hangouts cando teñamos Allo?

allo

Nós non temos a resposta, pois o que máis desconcerta é que a día de hoxe Google traslada que van manter as equipas de desenvolvemento por separado, polo ben de cada aplicación, pois para eles aínda teñen percorrido de xeito independente. E este desconcerto chega en modo de actualización, pois na recente Hangouts 12, a única novidade é a posibilidade de enviar shruggies, algo xa presente na versión web, que chega agora a Android.

Teremos razón no noso plantexamento? Pode que si, e pode que non. Tan só é unha reflexión ao aire que queríamos compartir en “voz alta” con vós. Que opinades?

One Response

  1. Antonio 29 Agosto, 2016 Responder

Deixa un Comentario